Vigocultura oferta 37 funcións de artes escénicas e música para os meses de febreiro, marzo e abril

O venres 25 e o bado 26 de xaneiro arranca na rúa do Príncipe a programación municipal de artes escénicas e musicais, VIGOCULTURA, que se desenvolverá nos meses de febreiro, marzo e abril, organizada pola Concellería de Cultura. Trátase da compañía portuguesa Projeto EZ que realizará unha espectacular ruada, protagonizada por dous vehículos sorprendentes, con pases ás 18:30 e ás 19:30 h. Serán as primeiras das 37 funcións previstas nesta nova tempada, que volverá contar con teatro, música, danza, maxia, circo, monicreques, un espectáculo para bebés e un de rúa.

VIGOCULTURA volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. O programa contará con sesións para público adulto, os venres ás 21:00 h, e con programación destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos ás 18:00 h.

O venres 1 de febreiro comezará a programación no Auditorio Municipal do Concello, que todos os venres exhibirá espectáculos para adultos con compañías como Contraproducións, Eme2 Emoción&Arte, La Estampida, La Joven Compañía, A Berberecheira de Chévere ou Malasombra Producións.

Cabe destacar a edición por segundo ano do programa especial 3x3, que pretende achegar ao público ao Auditorio Municipal realizando funcións en diferentes zonas do mesmo coma o vestíbulo, os cameríns ou o propio escenario. Deste xeito, tres compañías realizarán 3 pezas de microteatro e os espectadores irán pasando dunhas zonas a outras do Auditorio.

O venres 15 de marzo, o grupo Talabarte presentará o seu novo disco contando coa presenza especial, como artista invitado, do grande percusionista bretón Dominique Molard, un evento excepcional que só se poderá ver en Vigo.

Para os máis pequenos e as súas familias a oferta completase con compañías como Culturactiva ou La Canica, un espectáculo para bebés (con tres pases), o Mago Cayetano Lledó, o musical A nena e o grilo máis aló, un espectacular traballo con pompas de xabón xigantes a cargo de Malasombra Producións ou o novo circo a cargo de La Banda de Otro.

Como ven sendo habitual, conmemoraremos tanto o Día Internacional da Muller (8 de marzo) co espectáculo “Anatomía dunha serea” da actriz Iria Pinheiro, como o Día Internacional da Danza (29 de abril) cunha fin de semana adicada integramente a esta disciplina e que contará con dous espectáculos de danza para adultos con Daniel Abreu (gañador de 3 Premio Max 2018, entre eles ao mellor espectáculo de danza), e con Paula Quintas. O domingo 28 de abril a compañía Da.Te Danza farao para os máis pequenos.

Na liña de apoio á creación viguesa, a programación contará con tres estreas: "UMMM!" da compañía Avento Producións Teatrais, "Facendo o Indio de Galitoon e Sorpresa!" de Enconarte Producciones.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 €, excepto o programa especial 3X3 que terá un prezo de 9 €, namentres que os dirixidos a público familiar serán de 5 €.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do martes día 15 de xaneiro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226, en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35), ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Os abonos para a programación deste período pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.

O Auditorio Municipal do Concello está adscrito ao Programa Platea de Circulación de Espectáculos que xestiona o INAEM en colaboración coa FEMP e forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Desde decembro de 2017 tamén pertence á Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública.