A segunda edición do Concurso de Piano "Cidade de Vigo" acolle a un centenar de participantes de catro continentes

Este venres, día 23 de marzo, comeza a segunda edición do Concurso Internacional de Piano "Cidade de Vigo" organizado pola Asociación de Música Clásica de Galicia, coa colaboración da Concellería de Cultura. En total serán 102 participantes de 30 países que competirán polos 14 premios que concede o concurso, cunha dotación total de 30.000 €.

O venres, ás 19:30 h, terá lugar o concerto inaugural no Auditorio "Martín Codax" do CSM, coa actuación de GIULIO DE PADOVA (gañador da 1ª edición) e ANDRÁS KEMENES (membro do xurado), que interpretarán obras de Rachmaninoff e Bach.

Do sábado 24 ao luns 26, tamén no auditorio do CSM, terán lugar as primeiras probas, namentres que o martes 27 serán as semifinais. O mércores 28 terá lugar a final cos 5 seleccionados, a partir das 17:00 h, no Auditorio Municipal do Concello. Ese mesmo mércores, ás 21:00h, celébrase a cerimonia de entrega de premios e o concerto dos gañadores.

O domingo 1 de abril, ás 20:00 h, o Auditorio Municipal do Concello acollerá o concerto de clausura, a cargo dos membros do xurado: TAMÁS VÁSÁRY, PABLO GALDO, CYPRIEN KATSARIS, PAUL BADURA-SKODA e JORGE LUIS PRATS; será un concerto a 4, 6 e 8 mans, no que se interpretarán obras de Schubert, Ganz, Lavignac, Rachmaninoff.

As entradas para os concertos están á venda no servizo de Ticketea desde 6 €.