Programación do Día Internacional dos Museos 2016 na RMM

Como cada ano dende 1977, o ICOM (Consello Internacional de Museos) convida aos museos do mundo enteiro a celebrar o 18 de maio o Día Internacional do Museo, creado para promover o interese xeral pola xestión e as actividades dos museos e centros de arte. O lema proposto polo ICOM para o DIM 2016 é ‘Museos e paisaxes culturais’, que salienta a idea dos museos como centros territoriais de protección activa da paisaxe cultural.

Por este motivo, a Concellería de Cultura organizou un programa especial dentro da rede de Museos Municipais que terá lugar os días 14, 15 e 18 de maio.

Os centros de xestión propia da RMM (Verbum-Casa das Palabras, Museo "Quiñones de León"  de Castrelos, Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego", Casa das Artes e Casa Galega da Cultura) ampliarán o seu horario de apertura, o mércores 18 de maio, de 17:00 h  a 22:00 h; ademais contará con visitas guiadas presenciais (sen reserva previa) ás 19:00 h e ás 20:00 h ás exposicións activas en cada centro.

No caso do Museo de Castrelos, ademais, realizarase unha visita guiada ás 13:00 h á exposición "Estraño cotián" e no hall principal do pazo terá lugar, ás 20:30 h, un concerto a cargo do alumnado de clarinete do CMUS Profesional de Vigo, baixo o título "Cómo soan os nosos poemas"; a entrada será libre ata completar a capacidade.

Pola súa banda, o Museo Liste-Etnográfico de Vigo ofrecerá visitas guiadas, o propio mércores 18, ás 11:30 h e ás 17:00 h.

Por último, o MARCO súmase a esta celebración e ofrece unha programación especial na fin de semana do sábado 14 e domingo 15 de maio, con actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións que actualmente se exhiben en salas: a retrospectiva de MARÍA LUISA FERNÁNDEZ na planta baixa, o proxecto de MÓNICA CABO no Anexo; e a mostra de GRACE SCHWINDT no primeiro andar. Será a última semana na que se poderá visitar esta exposición, que se clausura o domingo 15 de maio. Entre as actividades previstas, dúas están directamente en relación co lema deste ano: o obradoiro en torno á paisaxe cultural galega, dirixido por Fran Quiroga, e o proxecto Documentando o MARCO. Outras actividades específicas para público infantil e adulto completan a oferta do MARCO nesta fin de semana: obradoiros para público infantil en colaboración co Proxecto ENKI, visitas ás exposicións, percorridos guiados pola Biblioteca, oferta de catálogos de ocasión...