
A acción e a instalación, como disciplinas artísticas, son espello unha da outra. De feito, ambas as dúas están baseadas no mesmo principio de presenza; de presenza activa. Na performance, a presenza do artista; na instalación, a do espectador. Así, reflectidas unha na outra, instalación e acción toman direccións opostas pero superpostas, creando un eixe entre dous polos —o artista e o espectador— ao longo do cal existen infinitas posibilidades de interacción. Nun extremo, o espectador convértese en participante, e no oposto, a presenza física do artista pódese volatilizar. As obras que conforman a exposición PRESENZA ACTIVA sitúanse ao longo deste eixe. Atopamos nun extremo propostas máis teatrais, nas que o espectador asume un rol pasivo; e noutro, aquelas nas que o público se involucra totalmente. En medio, diferentes posibilidades de relación entre ambas as dúas, e co espazo e a contorna que comprende a obra. Con excepción das pezas de John Bock e de La Ribot, o resto das obras son novas producións específicas para este proxecto.