Presentación do "V Festival Primavera do Cine"

A Concellería de Cultura colabora coa agrupación cultural Reencanto Produccións na organización da quinta edición do Festival Primavera do Cine en Vigo, que naceu no ano 2012 co obxectivo de promover o sector audiovisual galego facendo visibles os seus filmes, de xeito que cheguen axeitadamente ao seu público natural. O festival tense convertido no máis importante do cine galego, comprometido coas artes audiovisual e co audiovisual galego, e apostando pola vertente internacional coa incorporación do mundo lusófono.

A programación do certame, dende o xoves día 19 e ata o vindeiro domingo 29 de maio, proxectará nas catro sedes (Auditorio Municipal do Concello, Instituto Camoes, MARCO e Sala Ingrávida de Porriño) cincuenta e cinco curtas e vinte e dúas longametraxes. O festival quere achegar a cinematografía galega e lusófona, en diferentes formatos e linguas, á xente non afeita a ver estas propostas porque non son exhibidas en salas comerciais. Esta quinta edición supón un punto de inflexión porque se duplica a oferta do ano anterior e ten vocación de asentarse, cun programa completo de cinema galego ao que se incorporan propostas da lusofonía. Como vén sendo habitual, o público tomará a decisión, cos seus votos, sobre as cintas gañadoras desta edición. 

O festival contará con actividades paralelas como é o caso das charlas-coloquio "Vías de colaboración entre o cine galego e lusófono", programada o sábado 21 de maio, e "O audiovisual galego e a súa interacción co público" que se desenvolverá o luns 23 coa presenza de Antón Reixa, Moncho Lemos ou Xosé Xoán Cabanas Cao. Ademais, haberá unha clase maxistral impartida polo director Mario Iglesias sobre a dirección de actores; o ciclo "Cine Miúdo", con proxeccións de filmes mudo para os máis cativos musicados en directo por Caspervek Trío; e dúas retrospectivas: unha dedicada a Alberto Estévez Piña e outra á cinta amateur "El andamio".