Hoxe mércores 16 de maio, o Alcalde fixo públicas as obras seleccionadas para participar no Festival Primavera do Cine, que terá lugar entre o 30 de maio e o 2 de xuño en Vigo. Ana Laura Pereira, coordinadora do festival e membro de Reencanto Producións, fixo fincapé na boa acollida que este festival está a ter no sector audiovisual galego, porque “un festival destas características era necesario. Moitas producións estaban encaixonadas sen espazo nas salas comerciais e con escasa cota de pantalla nas televisións”.
As máis de 130 obras presentadas a este festival dan boa conta da receptividade entre os creadores audiovisuais galegos. Segundo Ana Laura Pereira, “o proceso de selección foi árduo e doloroso para o equipo do Festival, dada a gran cantidade de obras presentadas e, sobre todo, a calidade das mesmas, quedando fóra de concurso moitas obras de gran mérito, moi ao noso pesar”.
En referencia ao proceso de selección, Ana Laura destacou o traballo e a profesionalidade do equipo do Festival “traballouse cun baremo no que se puntuaron tanto a calidade técnica das obras coma os contidos, a orixinalidade expresiva e o respecto aos valores”.
Alfonso Castaño, membro do comité de programación presentou a lista de obras seleccionadas nas diferentes categorías. Participarán 7 longametraxes tanto ficcións coma documentais que se proxectarán no Auditorio Municipal do Concello. Así mesmo, foron seleccionadas 15 curtametraxes que se proxectarán no Auditorio do MARCO o primeiro día, e que se poderán ver tamén no Auditorio do Concello. Tamén foron seleccionados 19 videoclips que se proxectarán no local “La Fiesta de los Maniquies “(rúa Rogelio Abalde, 11) en horario nocturno.
O Festival dará comezo cunha gala inaugural no Auditorio Municipal do Concello o mércores día 30 de maio, intre no que poderemos desfrutar desta bacanal de bó cine galego. Cada un dos días de proxeccións terá lugar unha festa no céntrico local “La Fiesta de los Maniquíes” para pechar a xornada.
O sábado 2 de xuño terá lugar a gala de entrega de premios en cada unha das categorías precedida dunha proxección sorpresa. Nesta edición o xurado que premiará as películas será popular “os espectadores poderán achegar o seu veredicto sobre as películas cun método de votación por entrada, converténdose deste xeito en protagonistas da celebración” comentou a coordinadora do Festival.
Como colofón, o Festival Primavera do Cine ten preparado unha festa concerto con artistas convidados para a noite do sábado na sala Mondo (rúa Joaquín Lóriga, 3)
Paralelamente, e dentro do marco do Festival Primavera do Cine realizaranse dúas actividades complementarias, as V Xornadas do Audiovisual Galego organizadas polo IES Audiovisual de Bouzas, e a Mostra de Cine Xuvenil organizada pola Asociación Xuvenil Musiquina 33mg.
David Esperón, coordinador da Mostra de Cine Xuvenil presentou as 8 producións realizadas por alumnos de diferentes IES de toda Galicia que se proxectarán o 25 de maio no Auditorio do Centro Cívico de Teis. David salientou a importancia de “promover o gran traballo que alumnos e profesores están levando a cabo en multitude de obradoiros de audiovisual”. A Mostra, que se realizará en horario de mañán, estará dinamizada polo artista de hip hop “Pániko en las Calles”, e contará coa presenza de Ana Laura Pereira impartindo un pequeno curso sobre a linguaxe audiovisual como instrumento transformador da realidade.