Presentación do Festival de Jazz de Vigo IMAXINA SONS'16

A Concellería de Cultura presenta a programación da décimo segunda edición do Festival de Jazz de Vigo IMAXINA SONS, que se desenvolverá do 1 ao 9 de xullo en distintos espazos da cidade, con especial presenza do Auditorio Municipal do Concello, o MARCO e maila rúa Londres.

Imaxina Sons é unha iniciativa municipal que se mantén no tempo en base a parámetros de calidade artística e vontade de satisfacer a diversos públicos, a maiores dos afeccionados ao jazz. Unha aposta pola cultura desde o ámbito municipal, que fai que o festival poda manterse fiel aos seus principios de programar jazz europeo, dándolle aos vigueses a oportunidade de ver artistas de primeira fila, e de promocionar e apoiar o jazz galego e o jazz español.

Nesta edición, o festival preséntase coas baterías cargadas baixo a batuta de Lucía Martínez, que recolle a encomenda do concello de Vigo como nova directora artística de Imaxina Sons, sucedendo nesta tarefa a Baldo Martínez (2005-2010) e Nani García (2011-2015). Lucía Martínez (Vigo, 1982), é unha das multiinstrumentistas e compositoras máis destacada da nova xeración de músicos de jazz de Europa. Unha xeración coa ollada no sur, que no seu caso tradúcese na súa querencia polo folclore e a tradición oral. De cativa foi alumna da Universidade Popular de Vigo e en 2006 obtivo a súa licenciatura en percusión clásica no Conservatorio Superior de Música da cidade. Na actualidade reparte o tempo entre a súa cidade e Berlín, onde fixo o Mestrado en Jazz na Universidade das Artes, Universidade de Künste, e onde emprendeu novos proxectos musicais.

A percusionista viguesa ten como obxectivo reforzar e apoiar a presenza do jazz europeo, con especial atención á escena máis próxima. As marcas de identidade do Imaxina Sons xa son inequívocas ao longo destas doce edicións: atención ás figuras consolidadas e aos artistas emerxentes do jazz europeo, escaparate para as novas propostas do jazz en Galicia e na península, concertos ao aire libre que impliquen á cidadanía e apoio aos músicos e clubs da contorna próxima. Ademais Imaxina Sons debe entenderse como unha ferramenta cultural, auspiciada desde o ámbito administrativo máis próximo ao cidadán, o municipal, que ten como fin, tamén, vertebrar o espazo urbano como espazo de encontro e celebración da música.

IMAXINA SONS'16 abre as portas a nove días de jazz cun grande concerto, o do brasileiro Hermeto Pascoal. Unha lenda da música que, aos seus oitenta anos, visita Galicia por vez primeira. Principalmente pianista, pero tamén bandoneista, guitarrista, frautista e saxofonista é unha das figuras máis importantes da música brasileira. Tras acadar a popularidade no seu país nos anos sesenta, Hermeto Pascoal irrompe na escena estadounidense nos anos setenta onde colaborará entre outros con Miles Davis culminando a década coa participación no Festival de Montreux (Suíza) en 1978, que marca o comezo da lenda Hermeto Pascoal. Imaxina Sons comprácese en contar coa súa  participación no festival cun concerto de apertura que, sen dúbida, sitúa esta décimo segunda edición nun magnífico estado de forma.

Apertura que terá lugar no Auditorio Municipal do Concello, columna vertebral de Imaxina Sons e escenario para grandes concertos na presente edición: Julia Hülsmann, recoñecida como a poeta do jazz de Alemaña, o libanés Rabih Lahoud coa súa magnífica voz dentro do grupo Masaa, o pianista, compositor e ex director do festival Nani García ou a grande pianista Aki Takase coa súa particular homenaxe a Duke Ellington. O peche de Imaxina Sons 2016 no Auditorio Municipal do Concello poñerano os extraordinarios músicos da Orquestra de Jazz de Matosinhos. Formada en 1999, esta iniciativa municipal é hoxe en día un laboratorio de proxectos no que as colaboracións internacionais están á orde do día. Con grande pracer por parte do festival, a Orquestra de Jazz de Matosinhos estará por vez primeira en Imaxina Sons, na xornada de clausura desta edición, o sábado 9 de xullo.

O MARCO volverá a ser o escenario durante tres xornadas de concertos arraiáns, desafiantes, excéntricos e cheos de virtuosismo co percusionista Robertoliveira, o saxofonista Frank Gratkowski e o trío FronTTon. A noite do festival trasladarase a partir do xoves 7 de xullo ao escenario da rúa Londres co trío do pianista portugués Pedro Neves Trío, o jazz indie dos dinamarqueses Girls in Airports e o novo traballo do contrabaixista galego Kin García.

Unha nova edición de Imaxina Sons na que o jazz nas rúas volverá a mostrar a viveza da escena local e que, ademais, contará co programa de actividades “Academia de Sons” a desenvolver no MARCO por cuarto ano consecutivo. Un convite á interactuación entre xeracións convidando a pequenos e maiores a experimentar ao redor da música e do jazz con incursións no audiovisual, nas artes plásticas, na tradición oral e na electrónica. A inscrición para estas actividades realizarase a través do servizo de Atención Cidadá 010, a partir do luns 20 de xuño.

O xoves 7 de xullo, dentro do programa do festival, inaugurarase no primeiro andar da Casa das Artes de Vigo a exposición “Transbordo espacial. Partituras gráficas” de Pelayo Fernández Arrizabalaga. As partituras gráficas de Pelayo Fernández non son só visualizacións das súas composicións. A través delas achegouse á obra de músicos nos que tiña un interese especial: Claude Debussy, Olivier Messianen, Gianto Scelsi ou Jimmy Lyons. Nos aparellos gráficos ideados polo artista non falta a representación de diferentes parámetros musicais: altura, volume, silencio, ruído, dinámica, duración, ritmo. A exposición estará aberta até o 4 de setembro.

As entradas para os concertos de pagamento (Auditorio Municipal e salón de actos do Marco) poranse á venda anticipadamente o luns 20 de xuño no servizo de Ataquilla (www.ataquilla.com, teléfono 902.504.500 e Central de Espectáculos).