Prórroga de exposicións na Pinacoteca FFR e no Museo "Quiñones de León"

A Concellería de Cultura prorroga as exposicións "Así nos ven, así somos?. A imaxen da muller na arte" e "Estraño cotián", que se expoñen actualmente na Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego" e no Museo Municipal "Quiñones de León" de Castrelos, respectivamente. 

"Así nos ven, así somos?. A imaxen da muller na arte"  é unha produción da Concellería de Cultura, comisariada por Susana Cendán, que ten como un dos seus principais obxectivos a posta en valor dos fondos da colección de arte galega do Museo Municipal "Quiñones de León" de Castrelos —en particular— e do Concello de Vigo —en xeral—, recuperando para a actualidade a artistas extraordinarias das que había tempo non oíamos falar, é o caso de Elsa Pérez Vicente, Ana Legido, María Victoria de la Fuente, Legísima ou María Antonia Dans entre outras. A exposición prorrógase ata o 30 de outubro.

Pola súa banda, "Estraño cotián. A colección de Artes Decorativas do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León”, tamén promovida pola concellería, recupera unha serie de obxectos da colección de artes decorativas do museo, obras que teñen relación coa convivencia diaria das persoas e que, na súa maior parte, chegaron ao museo fóra do seu contexto orixinal. A exposición prorrógase ata o 17 de xullo.