O MARCO presenta o seu programa educativo para 2017

Ao longo destes meses, o programa educativo do MARCO xira ao redor das exposicións “MULLERES DO SILENCIO”, inaugurada en outubro nas salas da planta baixa, e “ALÉN DOS XÉNEROS” (dende finais de xaneiro no 1º andar). De xeito estable, o programa para escolares desenvólvese paralelamente ás exposicións temporais do Museo, sacando partido da presenza das obras en salas e das súas posibilidades didácticas, con visitas e obradoiros específicos dirixidos a alumnado de distintas idades e ciclos educativos (Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e outros ciclos).

A partir de xaneiro de 2017, a devandita programación veuse reforzada polo apoio da Obra Social “la Caixa” no desenvolvemento deste programa, cun incremento tanto no número de visitas e grupos participantes, como nas posibilidades de atención a grupos con necesidades especiais. Con esta colaboración, que nace con ánimo de continuidade, “la Caixa” pretende ofrecer aos grupos de escolares actividades complementarias ao seu traballo nas aulas, nas que se fomenten a arte e a cultura, e ás persoas con necesidades específicas opcións de ocio inclusivo.

As actividades, concertadas mediante cita previa, desenvólvense de martes a venres, en dúas quendas de 11.00 a 12.15 e de 12.15 a 13.30, e consisten en percorridos guiados polas salas de exposición, seguidos dun obradoiro no Laboratorio das Artes, o espazo de Didáctica no primeiro andar.

En canto aos contidos, a exposición “Mulleres do silencio” permite lecturas moi diversas en torno a cuestións clave —a evolución das obras pictóricas dende formatos máis tradicionais ata o concepto de pintura expandida; exercicios e xogos sobre a cor; soportes e materiais híbridos; xéneros como o retrato, o bodegón e a paisaxe— así como suscitar reflexións sobre a presenza das mulleres na historia da arte máis recente, algo especialmente relevante na mostra “Alén dos xéneros”.

A partir de maio, o programa renovarase coa inauguración nas salas da planta baixa da exposición “ÁNXEL HUETE. Unha revisión crítica”, que será a primeira presentación que fai un museo da traxectoria de Ánxel Huete (Ourense, 1944), artista indispensable para comprender o discorrer da produción artística en Galicia nas últimas décadas.


MARCO. Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria e Bacharelato

Colabora: Obra Social “la Caixa”

 

Do 10 xaneiro ao 23 xuño 2017

Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)

Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30

[Previa cita no tel. 986 113900 ext. 304]