O Concello renova o seu apoio ao III Concurso Internacional de Piano "Cidade de Vigo"

Esta mañá presentouse a III edición do Concurso Internacional de Piano "Cidade de Vigo", un certame de grande prestixio a pesar da súa xuventude que se celebrará entre o 16 e o 20 de abril no Conservatorio Superior "Martín Códax". O concurso conta coa dirección artística de Pablo Galdo, presidente da Asociación de Música Clásica de Galicia.
 
Unha das sinais do recoñecemento internacional deste evento é, ademais do importante número de participantes, a calidade do seu xurado. Este ano contará con nomes tan destacados como Martha Argerich (Arxentina) -presidenta-, Nelson Freire (Brasil), Tamás Vásáry (Hungría), Sergio Tiempo (Venezuela); ademais do propio Pablo Galdo.
 
 
Entre o 16 e o 20 de abril desenvolverase o certame que este ano recibiu case 400 aspirantes de 53 países do mundo, converténdose no segundo concurso do século XXI con maior número de inscritos. Tras a selección, serán algo menos dun centenar os músicos que midan a súa calidade artística en Vigo. O concurso non ten límite de idade e haberá premios para as distintas categorías.
 
Entre os países con maior número de candidatos inscritos están España (33), Rusia (28), China (27), Italia (20), Ucrania (19), Xapón (17), Brasil (17), Francia (15), Arxentina (12), Estados Unidos (12), Corea do Sur (12) e Polonia (11).