Inauguración exposición "Somos migrantes" na Casa das Artes

O luns 2 de maio, ás 20:00 h, inaugúrase na planta primeira da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a exposición "Somos migrantes", organizada pola Fundación Entreculturas e o servizo Xesuíta ao Migrante, dentro da campaña "Impórtanos" do Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade do Concello de Vigo.

"Somos migrantes" é unha exposición itinerante que convida ao visitante, a través de fotografías e textos, a poñerse na pel das persoas que transitan por corredores migratorios como a fronteira entre México-EEUU e a fronteira Hispano-Marroquí.

Na visita a Vigo, a exposición incorpora ademáis o traballo de dous fotoperiodistas vigueses, Felipe Carnotto e Adrián Irago, que narran en primeira persoa a ruta dos refuxiados sirios. Unha mirada humana e galega sobre o éxodo de miles de persoas cara Europa que, de novo, invita á reflexión sobre un dos maiores retos da actualidade.

A exposición contará cunha oferta de visitas guiadas destinadas ao alumnado de ESO e Bacharelato, en días lectivos entre o 3 e o 27 de maio. As reservas realizaranse por correo-e (importanos@importanos.org) ou por teléfono (886.139.568 / 620.989.527), de luns a venres de 10:00 a 14:00 h.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 27 de maio de 2016.