Inauguración exposición "O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares" na Casa Galega da Cultura

Este mércores, día 10 de maio, ás 20:00 h, terá lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a inauguración da exposición "O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares", organizada pola Fundación Carlos Casares, coa colaboración da Concellería de Cultura.

O Principiño (Le Petit Prince, orixinalmente) publicado en 1943, é a novela máis famosa do aviador francés Antoine de Saint-Exupéry, que escribiu mentres se hospedaba nun hotel de Nova York. É un relato filosófico cunha enorme carga poética que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida e o amor, a morte, a amizade, as actitudes e as preocupacións da vida. Foi ilustrado polo propio autor e está dedicado ao seu amigo León Werth, “cando era neno”. Traducido a máis de 200 linguas e dialectos (en máis de 600 edicións), leva vendido unha cifra superior aos 90 millóns de copias en todo o mundo.

A colección de principiños de Carlos Casares evidencia a paixón do escritor polo libro de Saint-Exupéry, que el mesmo traduciu ao noso idioma en 1972, nun hotel de Viana do Bolo. A partir daquel momento foi mercando calquera edición que atopara nas súas viaxes polo mundo. Tamén os amigos, sabedores do seu gusto, o agasallaban con exemplares curiosos. Así, foi medrando unha colección que en vida do escritor superaba o centenar de volumes, en diferentes linguas e dialectos do mundo. A Fundación Carlos Casares ten como misión ofrecela para coñecemento público, como era vontade do escritor.

No momento da súa morte, Carlos Casares tiña na súa colección máis de 100 volumes de distintas edicións de Le Petit Prince en linguas xermánicas, eslavas, románicas, escandinavas e mesmo orientais. Ademais de contar coa obra nas linguas da península ibérica (galego, portugués, castelán, éuscaro e catalán) tiña tamén obras en aragonés, asturiano ou estremeño. A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70, así como edicións especiais e outros obxectos do tradutor que explican o amor pola obra O principiño. Casares tiña esa alma infantil que nunca se perde de todo a pesar da idade.

Con esta exposición a Fundación Carlos Casares e o Concello de Vigo contribúen na difusión da figura do escritor ourensán ao que neste ano 2017 se lle dedica o Día das Letras Galegas.