Inauguración exposición de Juan delGado na Fundación Laxeiro

O venres día 30 de outubro, ás 20:00 h, a Fundación Laxeiro (r/ Policarpo Sanz, 15) inaugura a exposición titulada The flickering darkness, un proxecto do artista español afincado en Londres, Juan delGado (Cartagena, Murcia, 1965) que por primeira vez se exhibe en España.

The flickering darkness é unha peza audiovisual realizada en 2009, durante unha residencia de tres meses na cidade de Bogotá. Producida orixinalmente por a Universidade dos Andes, como parte do programa de residencias artísticas entre Colombia e Reino Unido, o proxecto foi apoiado por o British Council, o Ministerio de Cultura e o Consello das Artes UK.

Todo o traballo de Juan delGado baséase na idea de facer visibles realidades, xeralmente de carácter social, que se atopan en estado latente. Utilizando a plasticidade visual como reclamo, o artista vai construíndo unha obra visualmente atractiva e impecable dende un punto de vista formal que, unha vez que nos atrapa, fálanos de aspectos concretos que a delGado lle interesa resaltar, aspectos normalmente silenciados polo discurso oficial que o autor, á maneira dun arqueólogo, fai aflorar. The flickering darkness constitúe un exemplo paradigmático desa forma de traballar.

Na obra, Juan delGado explora a viaxe percorrida polos alimentos dende a súa chegada ao mercado, ata o seu consumo final. O filme, proxectado en tres canles, mostra a cidade nas súas cores típicas, nas súas texturas, silencios e sons, para capturar o sentido do caos e a contradición, e convidar ao espectador a reflexionar acerca dos estratos sociais e a xestión dos recursos alimentarios.

 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 31 de xaneiro de 2016.