Inauguración da exposición "O traxe e o viño fan o camiño" na Casa Galega da Cultura

O venres, 24 de marzo, ás 19:00 h, terá lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2), a inauguración da mostra "O traxe e o viño fan o camiño", integrada nos actos da Reconquista da Vila de Vigo, organizados pola AVC do Casco Vello, coa colaboración da Concellería de Cultura.

O obxectivo desta exposición é dar a coñecer pequenos retallos da nosa historia que unidos formen unha imaxe de como vivían os nosos devanceiros hai máis de cen anos, e por suposto como vestían. Nesta ocasión imos retroceder 110 anos e coñecer como facían o viño e todas as tarefas arredor del.

Nesa época o que se cultivaba en cada fogar era para uso propio maioritariamente; o millo para facer pan e dar de comer ao gando, a horta para o sustento da familia e a uva para consumo na casa. O coidado da viña (poda, sachado, sulfatado, vendima, etc.) eran labores que se distribuían ao longo do ano. Este era un proceso duro, principalmente na nosa zona onde as viñas estaban emparradas baixas polo que tiñan que traballar axeonllados. Para ter un bo viño comezaban no inverno podando e atando as viñas, este era un proceso que había que coñecer moi ben, xa que unha mala poda estragaba a viña e reducía a produción de uva. Despois de podar ataban as viñas con vimbio.

Había que sachar as viñas para mantelas limpas de malas herbas e tiñan que sulfatalas para evitar enfermidades como o mildeu. Cando a uva madura, nos meses de setembro ou outubro, chega o momento de vendimar. A uva recollese e trasladase á bodega onde se esmaga e prensa para sacar o mosto que se introducía en barrís de carballo, onde fermentaba e se gardaba para usalo. Co bagazo (restos de uvas que quedaban despois de sacar todo o mosto) facían a augardente branca, se só se destilaba o bagazo, e de herbas se se engadían herbas aromáticas que lle daban o sabor característico.

Para estas tarefas a roupa que usaban era roupa de cotío, cómoda e sufrida, confeccionada con teas rústicas e fortes fabricadas artesanalmente (liño, pano, estameña, etc.) que resistían o paso do tempo. Inda que a maioría non tiña máis que unha muda, sentíanse orgullosos do seu traxe, e aínda que sinxelo, adornabanno con bordados, lorzas, etc e tinguían o liño para darlle cor, etc.

A exposición está comisariada por Patricia González Iglesias, formada como deseñadora de moda e patronista-escaladora. Crea o seu propio obradoiro de costura hai case 17 anos, onde investiga, deseña e confecciona artesanalmente traxes tradicionais, fundas para instrumentos a medida, vestidos para gaitas, etc. Dende hai anos é a profesora responsable do curso de costura tradicional da Asociación Veciñal do Casco Vello de Vigo, así como do asesoramento e confección do vestiario da representación da "Festa da Reconquista da Vila de Vigo". Posuidora de diversas distincións, tales como Certame de Xóvenes Deseñadores de Camariñas, Certame de Promoción da Moda Vigoferia e Mostra de Novos Creadores de Moda da Xunta de Galicia, ten tamén participado en conferencias e exposicións (A Reconquista de Vigo no Museo Quiñones de León, Mostra do Traxe Tradicional Galego no Casco Vello do Concello de Vigo, etc.).

A exposición conta coa participación de creadores escenógrafos, estudantes desta arte na ESAD de Galicia, xa que Vigo foi a cidade que veu nacer aos primeiros titulados superiores de Galicia nesta disciplina, que goza dun prestixio e dun recoñecemento importante a nivel internacional.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 16 de abril, e contará con horarios de apertura especiais o sábado 2 e domingo 3 (de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h).