Inauguración da exposición de Fernando García no MARCO

O venres, 13 de novembro, ás 20:00 h terá lugar no MARCO (r/ Príncipe, 54) a inauguración da exposición de FERNANDO GARCÍA, titulada Canaval, que supón a cuarta proposta do ciclo Intertextual, comisariado por Ángel Calvo Ulloa para o Anexo, a sala de proxectos no vestíbulo principal.

Dende xaneiro 2015, o lugar ata agora dedicado a tenda-librería no vestíbulo principal do MARCO convertiuse en sala de proxectos, retomando o espírito do Espazo Anexo na praza peonil posterior (2004-2011). Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, esta nova liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións por proposta dun mesmo comisario, con periodicidade anual.

Intertextual parte dunha selección de artistas pertencentes a unha mesma xeración, voceiros da realidade artística nacional e internacional dos últimos anos, que atopan nesa conexión de influencias un campo de traballo ideal. O ciclo inaugurouse o 16 de xaneiro con 249 litros, de Carlos Maciá, e continuou con Cismadores, de Mauro Cerqueira. Á intervención de Juan López seguirán as de Fernando García e June Crespo.

Canaval, de Fernando García (Madrid, 1975), comezou a materializarse durante unha estanza en Canadá, onde o artista foi acumulando moedas dun dólar sen unha intención concreta, e que unha vez aquí funcionan como elemento foráneo, testemuña da viaxe e do propio proceso de recolección. Estas moedas insírense nas fendas practicadas en canas de bambú, descubertas durante unha viaxe a El Puerto de Santa María, que agora cobran protagonismo nesta instalación. Ao mesmo tempo, establece unha relación entre o interior e o exterior do Anexo por medio dunha serie de fotografías tomadas en Galicia en 2014, que se insiren en molduras realizadas en granito.

O mesmo venres, ás 19:30 h, terá lugar no salón de actos un encontro-coloquio aberto ao público, entre o artista Fernando García e o comisario, Ángel Calvo.

 

A exposición estará aberta ao público ata o 24 de xaneiro de 2016.