Festival da música e das artes "Nas Ondas"

A Concellería de Cultura colabora na segunda edición do Festival da música e das artes "Nas Ondas", unha programación organizada polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e que contará con numerosas actuacións, espalladas entre marzo e xuño. O certame terá como espazo principal o Auditorio "Martín Códax" e dependencias do CSMVigo, pero tamén se trasladará a outros lugares da cidade, como o Auditorio Municipal do Concello, o salón de actos do MARCO, o Auditorio de Beade ou a Praza da Pedra.

O festival organízase nunha serie de ciclos especializados: De Piano, Explurart, Letras Galegas, Ciclo de Cámara, etc., e outros eventos diversos, todos eles, abertos ao público xeral, e de asistencia libre e gratuíta. Xunto aos actos artísticos (concertos, montaxes escénicos, performances, etc.), o festival inclúe tamén relatorios, concursos, actos conmemorativos, xornadas de Portas Abertas, etc.

A través do programa de actividades Abrente, que se desenvolve en paralelo aos ciclos do festival, o CSMVigo establece colaboracións con outros centros e institucións, e intenta achegarse tanto a públicos especializados na música (alumnado, profesionais, etc.) como á cidadanía en xeral, facilitando no posible a difusión do quefacer diario do CSMVigo.

Igualmente, e indo máis alá da nosa contorna máis inmediata, o festival integra a presenza de numerosos docentes internacionais a través do programa Erasmus+. Trátase en definitiva dun programa transversal que trata de dar conta da multiplicidade das accións desenvolvidas desde o CSMVigo a prol dunha acción formativa, pero tamén social e cultural, comprometida coa cidade e máis alá.