EXPOSICIÓN “EMPORIUM. MIL ANOS DE COMERCIO EN VIGO” - (MUSEO VERBUM)

Descripción: 

O mércores 29 de xuño, ás 12:00 h, inaugurouse no Verbum-Casa das Palabras (avda. de Samil, 17) a exposición "Emporium. Mil anos de comercio en Vigo", unha produción da Concellería de Cultura, a través da Rede de Museos Municipais, comisariada por Adolfo Fernández e Pilar Barciela.

"Emporium" presenta mil anos de relacións comerciais de Vigo desde a Prehistoria ata a chegada dos árabes á Península. Mil anos nos que Vigo xoga un papel destacado na comunicación marítima do noroeste peninsular co resto do mundo coñecido, con momentos nos que foi o único enclave comercial en activo. Este aspecto do noso pasado, ata agora máis intuído que demostrado, ten á luz dos resultados das últimas investigacións arqueolóxicas, unha razón de ser.

"Emporium" artella o seu relato, de xeito sinxelo e didáctico, mediante máis de 200 obxectos arqueolóxicos, restaurados e documentados expresamente para a exposición, moitos dos cales se expoñen por vez primeira ao público. Pezas procedentes na súa gran maioría do Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”, con achegas puntuais doutros museos e institucións de Galicia e norte de Portugal, entre as que destacan algunhas de gran valor histórico como os cipos do Castro da Illa de Toralla, que permiten documentar a presenza de comerciantes feniciopúnicos na ría de Vigo arredor do século V. a. C.; a espectacular crátera romana da villa de Toralla (s. IV d. C.) reconstruída para a exposición e atopada no depósito vigués aínda que probablemente fabricada en Braga; ou a cruz paleocristiana (s. VII d. C.) da que un pequeno fragmento testemuña polo seu material, ouro, e a súa factura, ser doazón dun alto eclesiástico visigodo á igrexa que no Areal daba servizo aos fieis de Vigo, un dos máis importantes puntos do comercio marítimo do momento.

Recursos técnicos e museográficos complementarios permitirán achegarnos aos contextos nos que estas pezas se produciron e tiveron pleno significado. "Emporium" presenta con este fin unha peza audiovisual única que a ninguén deixará indiferente porque, de xeito virtual, vainos levar ao Vigo deses mil anos de comercio.

 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 28 de maio de 2017.

 

MÁIS INFORMACIÓN NO SEGUINTE ENLACE. 

Data: 
Mér (29/06/2016) a Dom (28/05/2017)
Horarios: 
Inauguración (29-06-16): 12:00 h - RESTO PERÍODO EXPOSITIVO: Martes a sábado: 17:00 h a 20:00 h – Sábados, domingos e festivos: 12:00 h a 14:00 h – Luns pechado (incluído festivos)
Lugar: 
Museo Verbum (avd. de Samil 17, 36212 Vigo)
Organizador: 
Concellería de Cultura
Acceso: 
Gratuíto
AnexoTamaño
PDF icon catalogo_exposicion_emporium.pdf6.13 MB