EXPOSICIÓN “CIRCA 70. LÍRICA E DEFORMACIÓN NO CAMBIO DE ERA” - (PINACOTECA FFR)

Descripción: 

A Concellería de Cultura presenta a exposición "Circa 70. Lírica e deformación no cambio de era”, que se inaugurará o mércores 21 de decembro, ás 12:00 h, na Pinacoteca Municipal Francisco Fernández del Riego (r/ Abeleira Menéndez, 8), comisariada polo director do Museo "Quiñones de León", José Ballesta de Diego.

A exposición reúne obras dunha serie de artistas galegos, maioritariamente traballando en Galicia e especialmente en Vigo, ao redor de 1970, practicando todos eles, desde diversos enfoques, unha linguaxe figurativa.

Algúns destes autores atópanse no final da súa vida como o vigués de nacemento José Frau, verdadeiro protagonista da exposición ao presentarse unha mostra case que completa da súa obra nos fondos do Museo Municipal. Outros, polo contrario, atópanse no despegamento da súa carreira como o goianés Xavier Pousa ou Antón Abreu, vigués que por entón recén regresa da emigración arxentina.

Fronte á implantación progresiva da abstracción na arte do momento, todos os autores reunidos na mostra persisten no común denominador de traballar nunha linguaxe figurativa decantada cara a un expresionismo cheo de lirismo, case que inxenuismo naif, como é o caso de Sevillano, Vidal Souto ou Mercedes Ruibal; ou polo contrario, cara á desacougante despersonalización e deformación, como é o caso dos homes sen rostro de Sucasas ou os bonecos deformes de Pérez Bellas.

Moi interesante nesta liña de expresión é o traballo de Conde Corbal. Por vez primeira preséntase nesta mostra a súa serie completa de augatintas, de finais dos anos 60, inspirada no seu admirado Valle Inclán. Grazas a un admirable dominio da técnica, o pintor leva a violentos trazos episodios escollidos dalgunhas das obras de ambiente galego do dramaturgo.

Nas obras dos ourensáns Antonio Quesada e Virxilio Fernández Cañedo, ambos vencellados ao grupo de “Os Artistiñas”, a figura humana desaparece, ou se aparece faino por alusión. Quesada realiza nestes primeiros anos dos 70 algunhas das súas mellores e máis emblemáticas obras, trascendendo a mera representación naturalista da paisaxe para convertila en vehículo de expresión personal cun magnífico dominio da técnica pictórica.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 24 de setembro de 2017.

Data: 
Mér (21/12/2016) a Dom (24/09/2017)
Horarios: 
INAUGURACIÓN (21-12-16): ás 12:00 h – RESTO PERÍODO EXPOSITIVO: martes a venres de 18:00 h a 21:00 h – Sábados de 12:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h – Domingos e festivos de 12:00 h a 14:00 h
Lugar: 
Pinacoteca Municipal Francisco Fernández del Riego (r/ Abeleira Menéndez 8, 36202 Vigo)
Organizador: 
Concellería de Cultura
Acceso: 
Gratuíto