EXPOSICIÓN “ASÍ NOS VEN. ASÍ SOMOS?. A IMAXE DA MULLER NA ARTE” - (PINACOTECA FFR)

Descripción: 

O luns día 21 de decembro, ás 20:00 h, inaugurouse na Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego" (r/ Abeleira Menéndez, 8) a exposición "Así nos ven. Así somos?. A imaxen da muller na arte", unha produción da Concellería de Cultura, comisariada por Susana Cendán.

Un dos principais obxectivos deste proxecto é a posta en valor dos fondos da colección de arte galega do Museo Municipal "Quiñones de León" de Castrelos —en particular— e do Concello de Vigo —en xeral—, recuperando para a actualidade a artistas extraordinarias das que había tempo non oíamos falar, é o caso de Elsa Pérez Vicente, Ana Legido, María Victoria de la Fuente, Legísima ou María Antonia Dans entre outras.

Co propósito de afastarse das típicas colectivas de artistas mulleres nas que se mostra de maneira indiscriminada un conxunto heterodoxo de obras, optouse por complementar o proxecto con fondos foráneos procedentes de coleccións públicas —Colección Fotográfica do Concello de Vigo e Fundación Museo Liste—, privadas —Colección Afundación, Galería Trinta, Galería Marisa Marimón e Galería Guillermo de Osma—, de particulares e dos propios artistas.

Partindo da construción da imaxe da muller no ámbito artístico, articulouse un proxecto poliédrico que nos permita reflexionar sobre determinadas circunstancias: a existencia dunha maneira feminina de ver o mundo, os arquetipos femininos tradicionais, a construción dunha mirada masculina poñendo en cuestión a dualidade masculino/feminino, a muller estereotipada ao subverter as prácticas tradicionais femininas asociadas ao decorativo e o doméstico.

O proxecto enténdese como unha exposición de diferentes obras e artistas que dialogan entre si buscando a complicidade dun público para que perciba a arte, non como obxectos illados, senón como producións capaces de inserirse en discursos heterodoxos sobre a cultura.

Artistas participantes: Xurxo Lobato, Manuel Vilariño, Isaac Díaz Pardo, Nuria Bermúdez, Elsa Pérez Vicente, Maruja Mallo, Tamara Feijoo, Arturo Souto, Colmeiro, Coia, Marta Lorenzo, Arturo Baltar, José María Acuña, Xosé Eiroa, Antón Failde, Xoan Piñeiro, Buciños, Cristino Mallo, Antoine D’Agata, Agustín Pérez Bellas, Lodeiro, Mercedes Ruibal, Pesqueira, Aziz+Cucher, Pereira Borrajo, Julian Germain, Mari Quintero, Raquel Xallas, Rebeca López Villar, Roberto G. del Blanco, Torres, María Antonia Dans, Sue Parker, Carlos Maside, Ramón Caamaño, Ana Legido, Almudena Fernández, Idoia Cuesta, Sandra Nogueira, Julienne Ciseaux, Laxeiro, Suárez Llanos, María Victoria de la Fuente, Amanda Harman, Carl Froshl, Natalia Umpiérrez, L. Valcárcel, Rafael Alonso, Mar Ramón Soriano, Elena Colmeiro, Tino Grandío, Ignacio Pérez Jofre, Chelo Matesanz e Dana Díaz.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 30 de outubro de 2016.


 

MÁIS INFORMACIÓN NO SEGUINTE ENLACE.

Data: 
Lun (21/12/2015) a Dom (30/10/2016)
Horarios: 
INAUGURACIÓN (21-12-15): 20 h – RESTO PERÍODO EXPOSITIVO: Martes a venres: 18:00 a 21:00 h - Sábados: 12:00 a 14:00 e 18:00 a 21:00 h - Domingos e festivos: 12:00 a 14:00 h
Lugar: 
Pinacoteca Francisco Fernández del Riego (r/ Abeleira Menéndez 8, 36202 Vigo)
Organizador: 
Concellería de Cultura
Acceso: 
Gratuíto