Estrea do documental "M.L. ESTEFANÍA. Galicia máis Oeste que nunca"

Este sábado 5 de maio, ás 20,30h,  proxectarase no auditorio municipal do Concello o documental "M.L. Estefanía. Galicia máis Oeste que nunca", dirixido por José Ballesta de Diego. Mediante testemuños e material de arquivo abórdase a figura de D. Marcial Lafuente Estefanía, popular autor de novelas do Oeste, que comezou a súa carreira en Vigo nos anos 40, da man da editorial Cíes, a primeira galega de posguerra.

Entre os participantes destaca FEDERICO LAFUENTE, fillo de Marcial, quen estará presente na proxección, e que segue escribindo as noveliñas do pai, con fondos lazos con Vigo ao transcorrer aquí a súa infancia e adolescencia. Con el entrevístase a escritores como FERNANDO SAVATER, X.L.MÉNDEZ FERRÍN, FRANCISCO G. LEDESMA, EDUARDO MENDICUTTI ou DOMINGO VILLAR;  especialistas como CARLOS ABRAHAM, FERNANDO EGUIDAZU e PEDRO PUIALTO; ou a popular autora de novela rosa CORÍN TELLADO, falecida en 2009, e que concedeu a súa última entrevista para este documental.

Finalmente, a xeito de noveliña, o documental inclúe o considerado primeiro western galego ou grelos-western. Estreado no Festival de Cans, en maio de 2010, esta curtametraxe espertou o interese dos medios de comunicación e colleitou grande éxito de público e crítica; resultando seleccionada para competición, entre máis de 700 producións de todo o mundo, no Festival Internacional de Cine de Ourense na súa derradeira edición.

O acceso á proxección realizarase mediante invitación a retirar nas taquillas do auditorio dende as 18,30h.