A escritora Carme Kruckenberg, distinguida co Premio Laxeiro 2011

23 de febreiro de 2011-

O Premio Laxeiro 2011 xa ten nome: Carme Kruckenberg. A galardoada, elixida por aclamación de todos os membros do Padroado da Fundación Laxeiro, expresou o seu agradecemento e despois da entrega da estatuiña de bronce da man de Xesús López Carreira, Presidente Delegado da Fundación Laxeiro, leu un emotivo texto no que lembrou ao seu amigo Laxeiro, e os seus múltiples encontros, tanto en Vigo como en Bos Aires.

A entrega do premio tivo lugar durante os actos que a Fundación Laxeiro realiza todos os anos con motivo do aniversario do nacemento do pintor: tras o tradicional xantar no restaurante Puesto Piloto de Vigo, o Presidente Delegado da Fundación, Xesús López Carreira, entregou o galardón á poeta. Ademais,
o Padroado da
Fundación Laxeiro celebrou a súa Reunión anual na que se presentou a Memoria do Exercicio 2010 e as previsións para 2011.