A Concellería de Cultura inaugura esta semana sendas exposicións de produción propia na Pinacoteca FFR e na Casa das Artes

A Concellería de Cultura inaugura este xoves 9 de agosto, ás 19:30 h, na Pinacoteca FFR (r/ Abeleira Menéndez, 8) a exposición "Catálogo de 1937. A colección de arte rexional na creación do Museo Quiñones de León", comisariada por Beatriz Liz de Cea e baixo a dirección técnica do director do museo, José Ballesta de Diego.

O 22 de xullo de 1937, en plena guerra civil, o museo municipal de Vigo “Quiñones de León” comezaba a súa andaina tras un proceso longo e laborioso de formación. O catálogo inaugural desta data permítenos coñecer de primeira man a colección exposta no momento da súa inauguración. Na mostra aténdese a aquelas obras que corresponden á colección de arte galega adscritas na súa maioría ao denominado movemento rexionalista. Moitas delas, case descoñecidas para o público, recuperan a súa presenza expositiva neste proxecto e así retornan ao panorama artístico e histórico da cidade.

Como se formou a colección inaugural de arte galega? Esta é a premisa da exposición. Dar a coñecer a primeira colección non só dende o punto de vista artístico senón tamén dende unha perspectiva histórica. Faise como resposta, como acto de xustiza e memoria, ao esforzo que supuxo a creación do museo municipal “Quiñones de León”, unha empresa comunitaria na que se involucraron as diferentes corporacións locais, os artistas e, para subliñar, os propios cidadáns vigueses. Deste xeito propoñemos un percorrido pola formación da colección do museo que achegue ao/a visitante a este esforzo conxunto, ao pulo da sociedade viguesa do primeiro terzo do século XX plenamente comprometida coa cultura.

Pola súa banda, o venres 11, ás 12:30 h, inaugurarase na planta baixa da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a exposición "Só construíndo a mirada habitaremos a paisaxe", comisariada por Carlos Puga Gómez e vencellada á programación da NOITE BRANCA 2018. Trátase de 12 autoras e autores galegos, de distintas xeracións, idades e experiencias, con preto de 100 obras, que xiran ao redor da construción da paisaxe como forma.

"Porque a paisaxe, que sempre é unha invención cultural do ser humano, unha creación social, é tamén o mapa que deixa da súa forma de ser. Sérvenos, polo tanto, de índice do tema que acontece. Senón pensemos na pegada da bota de Neil Armstrong, din que no chan da lúa". Xabier Fernández (Copias de Autor)