A Casa Galega da Cultura acolle a mostra "Tecido cru III" dende o xoves 14 de decembro

O xoves 14 de decembro, ás 20:00 h, inaugúrase na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a mostra "Tecido cru III", organizada pola Universidade de Vigo coa colaboración da Concellería de Cultura, e comisariada polas profesoras Lola Dopico e Cristina Varela.

Esta exposición forma parte dun ciclo que se pecha agora. Unha reflexión que se desenvolveu ao longo dunha serie de mostras nas que se pretendeu un achegamento á metodoloxía e aos aspectos procesuais do deseño de moda. Este é o territorio en que nos centramos nas exhibicións presentadas durante os últimos tres anos. A tese que subxace ao longo deste ciclo, unificada baixo o título "Tecido cru", fala de procesos construtivos, da posta en marcha de ferramentas conceptuais e de habilidades na formalización. É unha xanela a través da cal ás creadoras lles permiten acceder á morfoxénese: ese momento de orixe da forma que se deixa ler nas pezas seleccionadas e que, por tanto, non permite unha lectura «de estilo», tan habitual no ámbito que nos ocupa porque non é un discurso de moda, senon que nos deposita ante o proceso de aprendizaxe, ensaio e achegamento á construción de volumes tridimensionais, materializados en tecido e destinados a ser sustentados polo corpo humano. Estas pezas son o resultado de investigación duns creadores/as e do seu enfrontamento primixenio cara á procura formal e conceptual, na que para desenvolver a súa investigación deben deixar en suspenso todos os seus prexuízos e afondar no seu propio proceso de individuación.


A exposición permanecerá aberta ao público até o 28 de xaneiro.