A Biblioteca Municipal Neira Vilas lanza unha nova plataforma de préstamo online de audiovisuais

O Concello de Vigo pon en marcha EFILM VIGO ( https://vigo.efilm.online/es/vigo/ ), unha plataforma online exclusiva para bibliotecas destinada ao préstamo de cinema, documentais, concertos, series, animación e curtametraxes, que permite o acceso legal e gratuíto a un amplo catálogo de contidos de calidade con máis de 27.400 títulos, 24 horas ao día e 7 días á semana, dende calquera dispositivo con conexión a Internet. Todos os contidos están accesibles en streaming, sen necesidade de descarga.
 
Este innovador proxecto a nivel Europeo  supón un paso máis na implantación de servizos dixitais na biblioteca pública e o afianzamento dun novo modelo, tanto de prestacións bibliotecarias en torno ás novas tecnoloxías da información, como de relación cos usuarios, que xa non teñen necesariamente que desprazarse á biblioteca para tomar en préstamo os documentos que son do seu interese. Así, este servizo é complementario de todos os demais que tradicionalmente xa vén prestando a biblioteca pública, e afonda na posibilidade de garantir o acceso universal, directo e democrático de toda a cidadanía á información e ao lecer, neste caso a través dunha programación cinematográfica variada, de calidade e con todo tipo de contidos culturais (documentais, entrevistas, concertos, teatro, etc.)
 
Para poder dispor de EFILM VIGO é necesario:
  • Ter carné da biblioteca e solicitar presencialmente na BPM Xosé Neira Vilas a inscrición en EfilmVigo, onde se facilitarán as claves de acceso.
  • Ter polo menos 14 anos de idade.
  • Ter un dispositivo compatible e unha conta de correo electrónico.
 
A dispoñibilidade de audiovisuais é inmediata e, unha vez efectuado o préstamo, o usuario dispón de 72 horas para poder visualizar o audiovisual cantas veces desexe. Os préstamos poden ser simultáneos, é dicir, un mesmo usuario pode solicitar ao mesmo tempo todos os préstamos que teña dispoñibles, e ao mesmo tempo, múltiples usuarios poden solicitar préstamos dun mesmo audiovisual sen restrición algunha.
O usuario pode consultar en todo momento o número de préstamos que aínda ten dispoñibles entrando na súa conta e EFILM VIGO coas súas claves de acceso.