Arranca a venda de entradas e a inscrición na Academia de Sons do "IMAXINASONS'16"

Cando xa queda moi pouco para que arranque a festa do jazz en Vigo, este luns 20 de xuño, ás 10:00 h, comeza a venda anticipada de entradas para o 12º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons. Esta edición, que se celebra do 1 ao 9 de xullo, promovida un ano máis polo Concello de Vigo, será inaugurada pola lenda da música brasileira Hermeto Pascoal. As entradas anticipadas poden adquirirse no servizo de Ataquilla (www.ataquilla.com e 902.504.500) e na Central de Espectáculos (Velázquez Moreno, 26), mentres que todas as persoas interesadas en participar nos obradoiros da Academia de Sons poderán facelo a través do teléfono municipal 010.

En 2016 o festival abre as portas a nove días de jazz cun grande concerto, o do brasileiro Hermeto Pascoal. Unha lenda da música que, aos seus oitenta anos, arranca en Vigo o 1 de xullo a súa xira europea. Principalmente pianista, pero tamén bandoneista, guitarrista, frautista e saxofonista é unha das figuras máis importantes da música brasileira. Tras acadar a popularidade no seu país nos anos sesenta, Hermeto Pascoal irrompe na escena estadounidense nos anos setenta onde colaborará entre outros con Miles Davis culminando a década coa participación no Festival de Montreux (Suíza) en 1978, que marca o comezo da lenda Hermeto Pascoal. Imaxina Sons comprácese en contar coa súa participación no festival cun concerto de apertura que, sen dúbida, sitúa esta décimo segunda edición nun magnífico estado de forma.

Apertura que terá lugar no Auditorio Municipal do Concello (Praza do Rei), columna vertebral de Imaxina Sons e escenario para grandes concertos en 2016: Julia Hülsmann, recoñecida como a poeta do jazz de Alemaña, o libanés Rabih Lahoud coa súa magnífica voz dentro do grupo Masaa, o pianista, compositor e ex director do festival Nani García ou a grande pianista Aki Takase coa súa particular homenaxe a Duke Ellington. O peche de Imaxina Sons 2016 no auditorio poñerano os extraordinarios músicos da Orquestra de Jazz de Matosinhos. Formada en 1999, esta iniciativa municipal é hoxe en día un laboratorio de proxectos no que as colaboracións internacionais están á orde do día. 

O MARCO volverá a ser o escenario durante tres xornadas de concertos arraiáns, desafiantes, excéntricos e cheos de virtuosismo co percusionista Robertoliveira, o saxofonista Frank Gratkowski e o trío FronTTon. A noite do festival trasladarase a partir do xoves 7 de xullo ao escenario da rúa Londres, con entrada libre, co trío do pianista portugués Pedro Neves, o jazz indie dos dinamarqueses Girls in Airports e o novo traballo do contrabaixista galego Kin García.

No caso dos concertos do Auditorio Municipal do Concello o prezo da entrada é de 5 euros máis gastos de xestión; no caso dos concertos do MARCO, 3 euros máis gastos. 

Pola súa banda, a Academia de Sons chega a súa cuarta edición con epicentro no MARCO. Esta proposta afonda, por unha banda, na vertente formativa e, por outra, na procura de novos públicos. No MARCO concéntranse catro obradoiros do luns 4 ao xoves 7 de xullo nos que divertirse, aprender, construír e relacionarse. Un convite á interactuación entre xeracións convidando a pequenos e maiores a experimentar ao redor da música e do jazz con incursións no audiovisual, nas artes plásticas, na tradición oral e até na neuroloxía. O venres 8 o obradoiro “Partituras gráficas” co artista Pelayo Fernández Arrizabalaga terá lugar na Casa das Artes, no marco da exposición “Transbordo espacial”.

Os obradoiros do MARCO son os seguintes: “Superpuppets playback” dirixido a familias (luns 4, 11h); ”Beatbox” dirixido a rapazas e rapaces a partir dos 11 anos (martes 5); “Tocando electrónica: botóns, teclas e froitas”, a partir de 6 anos e cun convite á participación de pequenos e maiores (mércores 6), e “Liñas, movemento, son”, a partir de 6 anos. As prazas son limitadas, os obradoiros gratítos e as inscricións poden facerse a partir deste luns día 20 no teléfono 010 (coste de chamada local) ou 986 810 260, se a chamada é de fóra da provincia ou con teléfono móbil.