Aberto o prazo de matrícula para os cursos de adultos do MARCO

20 de setembro de 2010-
A partir do mércores 6 de outubro, comezarán no MARCO dous novos cursos para adultos, impartidos por Ana Pereira Molares, e destinados a persoas interesadas en coñecer de primeira man os principais movementos e autores da historia da arte contemporánea.
Nesta
nova tempada 2010-2011 ofrécense dous cursos que se desenvolverán dende o mes de outubro ata finais de maio: por unha banda, a nova edición do curso ‘A FOTOGRAFÍA. Historia doutra mirada’, que tivo grande aceptación na tempada anterior —nesta ocasión moi ampliado en calendario e contidos—, e no que se realiza un percorrido pola historia da fotografía dende o seu nacemento ata as últimas tendencias. A outra proposta leva por título ‘UNHA RELECTURA DAS VANGARDAS: da ilusión ao escepticismo’, e afonda sobre aspectos e autores menos coñecidos ou analizados en cursos anteriores, co obxecto de ofrecer unha visión novidosa das vangardas históricas do século XX e da súa influencia na arte actual.
Dende o 7 de setembro está aberto o prazo de matrícula para os dous cursos, que se pechará unha vez cubertas todas as prazas. Tanto os programas detallados como as fichas de inscrición, están dispoñibles no despacho de billetes do MARCO (en horario de 11.00 a 21.00 de martes a sábados, e de 11.00 a 15.00 os domingos) e
no apartado ‘Actividades’ da web www.marcovigo.com