“LAXEIRO EN CONVERSA. UN DIÁLOGO CON ARTISTAS GALEGOS CONTEMPORÁNEOS” - (SALA DE EXPOSICIÓNS DE AFUNDACIÓN)

Descripción: 

Laxeiro, Pilar Álvarez Pablos, Jorge Barbi, Ignacio Basallo, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Tono Carbajo, Caxigueiro, Xavier Correa Corredoira, Álvaro de la Vega, Almudena Fernández Fariña, Antón Goyanes, Anxel Huete, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Din Matamoro, Tatiana Medal, Manuel Moldes, Antón Patiño, Raimundo Patiño, Xavier Toubes, Rosa Úbeda.

Afundación presenta este proxecto en colaboración coa Fundación Laxeiro no que se ofrece un diálogo múltiple entre a obra do Laxeiro máis experimental dos anos sesenta, coa obra de vinte e dous artistas galegos, pertencente ás coleccións Afundación, ABANCA, datadas a partir dos anos oitenta.

Esta exposición está formada por unha selección de obras das coleccións Afundación, ABANCA e Fundación Laxeiro, a partir das que se pretende ilustrar esta liña de pensamento, utilizando como fío condutor ao Laxeiro máis experimental quen, a modo de anfitrión, convida a un variado grupo de artistas de xeracións posteriores, para manter múltiples conversas cruzadas nas que contrastar e compartir cuestións que obedecen a intereses e inquietudes similares.

O resultado é unha mostra heteroxénea, na que non só ten cabida a pintura, senón tamén a escultura e a fotografía, transcendendo así linguaxes e establecendo relacións múltiples que xiran sempre en torno á problemática da representación e as múltiples solucións que cada artista ofrece dende a súa subxectividade, dentro dun marco referencial no que a incerteza tende a borrar tamén o límite entre figuración e abstracción.

Neste contexto, danse cita así artistas de xeracións diferentes, que producen obra en circunstancias diversas e que conflúen sen embargo, nesa visión do mundo sen premisas fixas que posibilita múltiples interpretacións da realidade e tamén, múltiples relacións entre os seus respectivos discursos estéticos.

Data: 
Xov (20/04/2017) a Sáb (15/07/2017)
Horarios: 
APERTURA (20-04-17): 20:00 h – RESTO PERÍODO EXPOSITIVO: luns a venres: 17:30 h a 20:30 h - Sábados: 11:00 h a 14:00 h e 17:30 h a 20:30 h (pechado os domingos)
Lugar: 
Sala de exposicións de Afundación (r/ Reconquista)
Organizador: 
Afundación, coa colaboración da Fundación Laxeiro
Acceso: 
Gratuíto