“GUILLERMO PASTRANA” - VIGO SINFÓNICO 2017. (SINFÓNICA VIGO 430) – (AUDITORIO MAR DE VIGO)

Descripción: 

Guillermo Pastrana

Orquestra Sinfónica Vigo 430

Obras de Pärt, Schumann e Mendelssohn


A Concellería de Cultura presenta o programa "VIGO SINFÓNICO 2017" da Orquestra VIGO 430, unha completa programación cunha liña de continuo crecemento en todos os aspectos do seu proxecto orquestral, e que unha vez máis conta coa colaboración municipal.

A programación estará repleta de atractivos títulos e excepcionais solistas, así como dos directores titulares habituais da orquestra: Vicent Alberola (Orquestra Sinfónica VIGO 430), Alfonso Sebastián (Orquestra Barroca VIGO 430) e Roberto Baltar (Orquestra Xove VIGO 430).

A estrea da temporada terá tinguiduras jazzísticas xa que contará con Paquito de Rivera, gañador de 7 premios Grammy, interpretando o seu propio concerto “Cape Cod” xunto ao recoñecido pianista Pepe Rivero; ao programa engadiranse títulos tan suxestivos como a “Obertura cubana”, “Un americano en París” de Gershwin, e o “Danzón” de Márquez, para completar un programa que se presume inesquecible. O concerto terá lugar o domingo 22 de xaneiro, ás 19:00 h, no Auditorio "Mar de Vigo".

No mes de febreiro (día 24) interpretarán, xunto ao Coro de Cámara "Rías Baixas", a Misa da Coroación de Mozart, xunto cun gran elenco de cantantes galegos como Mariña Penas, María Rivera, Pablo Carballido e Pedro Martínez. Tamén poderemos desfrutar do virtuosismo de Paco Varoch no concerto para frautín “Il Gardellino” de Vivaldi.

O martes 28 de febreiro e o mércores 1 de marzo chegará un novo concerto da Orquestra Xove. Despois da sorprendente calidade obtida por estes novos valores no anterior encontro do pasado mes de novembro, esta vez fano acompañados dunha extraordinaria violinista: a novísima Inés Issel, dúas veces gañadora do concurso "Cidade de Vigo", que interpretará “Aires xitanos” de Sarasate. O programa completarase cos “Cadros dunha exposición”, obra composta orixinalmente para piano por Modest Mussorgsky, pero que foi maxistralmente orquestrada por Maurice Ravel.

Xa no mes de marzo (día 18), a VIGO 430 ofrecerá outro dos pratos principais da súa temporada: o concerto con Anna Fedorova, unha das pianistas máis destacadas da súa xeración. Interpretará o soado concerto Nº2 de Rachmaninov e a marabillosa 4ª sinfonía de Brahms. Así mesmo, o día 26 contarase de novo coa violinista moldava Rusanda Panfili, que regresa por segundo ano consecutivo aos escenarios vigueses, pero este ano integrarase como protagonista no Ensemble Vigo 430. A formación de cámara tocará pezas de Grieg, Haydn e Dvoràk.

No mes de abril teremos a Orquestra Barroca, que contará nesta ocasión como solistas cos renombrados especialistas Sara Ruiz (Viola de Gamba) e Guillermo Peñalver (Frauta). Interpretarán un programa integramente dedicado a Georg Philipp Telemann, no 250 aniversario do seu pasamento. A finais dese mesmo mes, a Orquestra Sinfónica contará co excepcional violinista francés David Grimal, que nos traerá a súa versión do concerto de Sibelius, nun programa no que ademais escoitaremos música contemporánea do compositor vigués Juan Eiras coa súa obra “Old Sailor´s room” e do ruso Rimsky-Korsakov, co seu colorista “Sheherezade”.

“VIGO SINFÓNICO 2017” chegará á súa fin para mediados de maio (día 14), cun concerto no que terá como convidado a Guillermo Pastrana, un dos mellores violoncellistas españois, que interpretará o concerto de Schumann nun programa que se completará coa “sinfonía Escocesa” de Mendelssohn e a suxestiva “Fratres” de Arvo Pärt. 

As entradas para os concertos e os abonos están a disposición do público no servizo Ticketea e na Central de Espectáculos (r/ Velázquez Moreno, 26) 



MÁIS INFORMACIÓN NO ARQUIVO QUE SE ACHEGA.

CONSULTAR PREZOS DE ENTRADAS E ABONOS NO SEGUINTE ENLACE.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Data: 
Dom (14/05/2017)
Horarios: 
12:00 h
Lugar: 
Auditorio Mar de Vigo (avenida de Beiramar 59, 36202 Vigo)
Organizador: 
Orquestra Vigo 430, colabora a Concellería de Cultura
Acceso: 
As entradas para os concertos e os abonos están a disposición do público no servizo Ticketea e na Central de Espectáculos (r/ Velázquez Moreno, 26) – CONSULTAR PREZOS de entradas e abonos no enlace que se indica
AnexoTamaño
PDF icon programa_VIGO_SINFONICO_2017.pdf5.13 MB