“A LUZ E A LENTE” - (ANEXO MUSEO MARCO)

Descripción: 

"A LUZ E A LENTE. Historia do microscopio a través da colección Camacho & Pallas"

 

Con motivo do Día Internacional da Luz, e tras o seu paso por Compostela e Burgos, chega a Vigo unha mostra que percorre a historia do microscopio a través dunha selección de pezas da colección propiedade dos doutores Tomás Camacho e Estrella Pallas.

Tralo éxito do Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz en 2015, a UNESCO propuxo crear o Día Internacional da Luz, cuxa primeira celebración está prevista para o 16 de maio de 2018. No ano 2015, como un dos actos do Ano Internacional da Luz, celebrouse na sede da UNESCO en París un simposio no que se exhibiu un dos dez exemplares existentes do microscopio de Leeuwenhoek (Delft, 1632-1723), pertencente á colección Camacho & Pallas, que inclúe máis dun centenar de pezas, e que está recoñecida internacionalmente como a mellor existente na actualidade, tanto polo seu valor científico como histórico e cultural. A raíz da devandita colaboración, John Dubley, presidente do Comité do Día Internacional da Luz, solicitou o apoio dos propietarios da colección para celebrar un evento en Vigo; solicitude ratificada polo presidente do Comité Español, Ignacio Moreno.

A mostra “Historia do microscopio a través da colección Camacho & Pallas” conta coa colaboración do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, onde unha parte das pezas se exhibiu en 2016, e dende onde itinerou ao Museo de la Evolución Humana de Burgos en 2018. No caso de Vigo, a exposición inclúe unha selección de máis de trinta pezas e paneis informativos que detallan a historia do microscopio dende a súa invención.

 

 

Data: 
Mér (16/05/2018) a Dom (23/09/2018)
Horarios: 
APERTURA (16-05-18): 18:30 h – RESTO PERIODO EXPOSITIVO: martes a sábado (festivos incluídos) de 11:00 h a 14:30 h e de 17:00 h a 21:00 h - Domingo de 11:00 h a 14:30 h - Pechado os luns
Lugar: 
MARCO-Anexo. Vestíbulo principal (rúa Príncipe 54, 36202 Vigo)
Organizador: 
MARCO, coa colaboración da Concellería de Cultura, Museo Historia Natural da USC e Vithaslab
Acceso: 
Gratuíto
AnexoTamaño
PDF icon NP_A luz e a lente_gal.pdf220.95 KB