Noticias

Presentación do programa VIGO EN FESTAS 2012

Esta mañán o Alcalde, Abel Caballero, acompañado da concelleira de Cultura e Festas, Isaura Abelairas, presentou o programa VIGO EN FESTAS 2012, que se desenvolverá en toda a cidade dende o 30 de xullo ao 16 de agosto. A programación inclúe actividades e espectáculos na zona centro e por múltiples barrios, dirixidas a amplos sectores de público.

A Semana Grande terá lugar do 4 ao 11 de agosto, iniciándose co pregón na praza da Constitución a cargo de Antón Reixa, presidente da SGAE e líder do grupo Os Resentidos que celebran o seu 30º aniversario. Durante toda esa semán, haberá actividades para todos os públicos e con entrada libre: animación infantil na rúa Príncipe, monicreques na rúa Londres e os xogos olívicos con Popín en Bouzas, Calvario e Independencia; o Festival Folclórico Internacional terá o seu acto central no auditorio "Mar de Vigo" o sábado 4 e logo percorrerá cinco barrios, ademais de contar con animacións de rúa, destacando especialmente a exhibición do grupo dos "Castellers de Terrasa"; a praza da Constitución será protagonista do 7 ao 11 das Noites Temáticas, espectáculos musicais adicadas a distintos xéneros como o blues, o fado, o pop....; ademais haberá concertos a cargo das bandas de música populares e animacións de rúas con grupos folclóricos da cidade; contaremos coa presenza un ano máis do Maratón Fotográfico, das festas gastronómicas, do Marisquiño, e incluso cunha exhibición do piloto de MotoGP Marc Márquez e todos os pilotos de Estrella Galicia 0,0.......

O auditorio de Castrelos contará coa presenza, dentro da Semana Grande, dos concertos de MACACO, coa presentación do seu último disco "El murmullo del fuego", e co grupo vigués MARTYNEZ como teloneiros, o xoves 9; para poñer o punto final desta semán, chegará a xira LIVE EXPERIENCE DE CARLOS JEAN o sábado 11; os prezos para a zona de pagamento do auditorio será, de forma simbólica, de 2 €, e poderán adquirirse dende o venres 27 de xullo no servizo de Servinova e na Central de Espectáculos (r/ Velázquez Moreno, 26).

O programa festivo rematará o xoves 16 de agosto, ás 22,30h, co concerto "SERRAT&SABINA con la orquesta del Titanic" no IFEVI.

Presentación do SON DE VIGO 2012

A concelleira de Cultura e Festas presentou esta mañán a segunda edición do ciclo SON DE VIGO, incluído dentro do programa de festas; a creatividade musical da cidade terá un lugar destacado coa celebración do festival do 30 de xullo ao 3 de agosto. Os grupos locais tomarán o escenario da Praza da Constitución durante catro días e darán paso a un gran peche no Auditorio de Castrelos con Os Resentidos e Siniestro Total en directo o venres 3 de agosto. A escena emerxente viguesa darase cita nos días previos na Constitución, do luns 30 ao xoves 2, da man dos grupos The Blows, Aries, Mónica de Nut, The Soul Jacket, Kaixo Sama VS Elecesar, Bflecha, Camarada Nimoy e Inculpados.

Un espazo propio e relevante para a música feita en Vigo dentro das festas de verán, esa é a filosofía do Son de Vigo, que trata de ser un punto de encontro para os artistas que desde a cidade proxectan o seu traballo cara novos mercados e públicos. Artistas con traxectorias consolidadas no seu terreo, novos grupos que emerxen na escena local, propostas case descoñecidas na cidade que atopan eco fóra dela e, como guinda, un directo de dous dos grupos máis relevantes na historia musical viguesa  e galega como son Siniestro Total e Os Resentidos.

Os concertos na praza da Constitución comezarán ás 22,30 horas e serán de entrada libre; o concerto do auditorio de Castrelos do venres 3 de agosto comezará ás 23,00 horas e o prezo para a zona de pagamento será simbólico: 2 €. As entradas poderán adquirirse no sistema de venda de Servinova e na Central de Espectáculos dende o vindeiro venres 27.

Entradas á venda para concerto Serrat&Sabina con la Orquesta del Titanic

As entradas para o concerto Serrat&Sabina con la Orquesta del Titanic, que terá lugar o xoves 16 de agosto no Instituto Ferial de Vigo (IFEVI), organizado polo Concello de Vigo dentro do programa de festas da cidade, atópanse xa á venda no servizo de Servinova (www.servinova.es ou no teléfono 902.504.500) a un prezo único de 30 €.

Presentación do concerto "Dos pájaros contraatacan" de Joaquín Sabina e Joan Manuel Serrat

O Alcalde Abel Caballero presentou esta mañán o concerto que terá lugar o día 16 de agosto, ás 22,30 horas, no recinto feiral do Ifevi, ao que se subirán Joaquín Sabina e Joan Manuel Serrat para protagonizar o "gran" concerto do verán. O rexedor presentou o "mellor espectáculo musical do verán en toda España". As entradas para o concerto custarán 30 €.

Bases de solicitudes de actuacións para o XVIII Festival Folclórico Internacional

O Festival Folclórico Internacional, fruto do convenio de colaboración entre a Concellería de Cultura maila Asociación Cultural Interfolc, abre o prazo de solicitudes de actuacións, que terán lugar entre o 3 e o 8 de agosto. O festival ten por obxecto fomentar, promocionar e achegar a cultura tradicional e o folclore popular á cidadanía, polo que ofértanse un número máximo de CINCO beneficiarios de actuacións para a presente edición.

As solicitudes poderán presentarse ata as 13,30 horas do 12 de xullo.

As bibliotecas públicas da cidade presentes na Feira do Libro Novo

Este venres día 29 de xuño, ás 19,30 horas, terá lugar na praza de Compostela a inauguración da Feira do Libro Novo, que contará nesta edición coa presenza das dúas bibliotecas públicas da cidade, a Biblioteca Central maila Biblioteca Municipal "Neira Vilas".

A feira, organizada pola Federación de Libreiros de Galicia e coa colaboración, entre outros, da Concellería de Cultura e Festas, estará aberta ata o 8 de xullo, en horario de 11,00 a 14,00 horas, e de 18,00 a 22,00 horas.

Novos horarios na rede museística municipal

A Concellería de Cultura e Festas modifica os horarios de atención ao público nas cinco dependencias que conforman a rede museística municipal: Casa das Artes, Casa Galega da Cultura, Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego", Museo "Quiñones de León" e Verbum-Casa das Palabras. Estes novos horarios entrarán en vigor dende este domingo 1 de xullo.

Saída do concurso cinematográfico "VIGO, LÍMITE 36 HORAS"

O xoves 28 de xuño, ás 12 horas, darase a saída a "Vigo, límite 36 horas" , un concurso no que as e os participantes terán que producir, rodar e editar unha curtametraxe sobre un mesmo tema: Vigo a través dos sentidos, nun tempo máximo de 36 horas. A súa interpretación é libre, permitindo que os participantes poidan expresar toda a súa creatividade a través dos seus proxectos. Contará con dúas competicións, unha de escolas e outra aberta ao público en xeral.

A saída terá lugar no Verbum-Casa das Palabras (Avda de Samil, 17) e estarán presentes Jorge Coira, presidente da Academia Galega do Audiovisual,  Fernando Jover, director da EGACI, e Isaura Abelairas, concelleira de Cultura e Festas.

A proxección e entrega de premios será o sábado día 30 de xuño tamén no VERBUM, ás 20,00 horas.

A Biblioteca Central amplía os horarios da sala de lectura nos meses de verán

A Biblioteca Central de Vigo (r/ Joaquín Yáñez, 6) ampliará os horarios da sala de lectura, co obxecto de dar servizo a demanda habitual polos exames da Universidade, da UNED e das probas de acceso á Universidade.

A amplicación producirase entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, ambos inclusive, según o seguinte:

  • O horario de verán habitual é de 09,00 a 14,30 h, de luns a venres.
  • O horario de ampliación (só para apertura da sala de lectura) será de 16,00 a 20,00 h. de luns a venres.
  • Non estará aberta os sábados nin días festivos.

 

Programa de concertos de corais polifónicas de Vigo-ACOPOVI

A Concellería de Cultura e Festas ven de asinar un novo convenio de colaboración con ACOPOVI-Agrupación de corais polifónicas de Vigo, para a organización do programa de concertos para este ano 2012; en total son trinta e unha agrupacións corais que realizarán máis de 90 actuacións durante todo o ano, e distribuídas por todos os barrios da cidade.

Páxinas

Subscribirse a Noticias