Noticias

A escritora Carme Kruckenberg, distinguida co Premio Laxeiro 2011

23 de febreiro de 2011-

O Premio Laxeiro 2011 xa ten nome: Carme Kruckenberg. A galardoada, elixida por aclamación de todos os membros do Padroado da Fundación Laxeiro, expresou o seu agradecemento e despois da entrega da estatuiña de bronce da man de Xesús López Carreira, Presidente Delegado da Fundación Laxeiro, leu un emotivo texto no que lembrou ao seu amigo Laxeiro, e os seus múltiples encontros, tanto en Vigo como en Bos Aires.

A entrega do premio tivo lugar durante os actos que a Fundación Laxeiro realiza todos os anos con motivo do aniversario do nacemento do pintor: tras o tradicional xantar no restaurante Puesto Piloto de Vigo, o Presidente Delegado da Fundación, Xesús López Carreira, entregou o galardón á poeta. Ademais,
o Padroado da
Fundación Laxeiro celebrou a súa Reunión anual na que se presentou a Memoria do Exercicio 2010 e as previsións para 2011.

Inauguración da exposición “O noso traxe, peza a peza” na Casa Galega da Cultura

11 de marzo de 2011-
O venres día 11 de marzo ás 20h terá lugar na Casa Galega da Cultura de Vigo a inauguración da
exposición “O noso traxe, peza a peza”, organizada pola Concellería da área de Cultura e Animación Sociocultural e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo.

A exposición, que forma parte das actividades incluídas na celebración da Festa da Reconquista, trata de achegar un pouco máis ao público contemporáneo a historia e, sobre todo, o valor do traxe tradicional galego.

Adiántase o peche da exposición "Quiñones de León, unha nova pinacoteca para Galicia"

4 de marzo de 2011 -
A exposición "Quiñones de León, unha nova pinacoteca para Galicia", que se mostra na actualidade no primeiro andar da Casa das Artes, pechará unha semana antes do previsto por cuestións de organización, pasando así a ser o seu último día o vindeiro 6 de marzo.

Inauguración da exposición “Música en Branco: memorias dunha cidade”

28 de febreiro de 2011-
O vindeiro martes 1 de marzo ás 20 horas terá lugar a inauguración da nova exposición temporal "Música en Branco: memorias dunha cidade" no Verbum.

>O proxecto, unha colaboración do Festival Sinsal co Museo Verbum, trata de recrear a memoria musical dos vigueses e viguesas a través das entrevistas realizadas a cidadáns de todos os ámbetos ao longo de meses. Unha exposición interactiva na que se invita aos participantes a deixar a súa testemuña. 

O director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, elixido novo presidente de ADACE

22 de febreiro de 2011-

O pasado xoves 17 de febreiro, coincidindo coa inauguración de ARCO'11, tivo lugar en Madrid a Asemblea de ADACE, Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España. Durante a devandita asemblea, o director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, foi elixido por unanimidade novo presidente da Asociación.

Ademais do novo presidente, a xunta directiva resultante da última asemblea de ADACE está integrada por un secretario, José Mª Parreño (ex director Museo Esteban Vicente, Segovia); un tesoureiro, Ferrán Barenblit (director Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles); e cinco vogais: José Guirao (director Casa
Encendida, Madrid), Bartomeu Marí (director MACBA, Barcelona), Agustín Pérez Rubio (director MUSAC, León), Yolanda Romero (ex directora Centro José Guerrero, Granada), e Ana Salaverría (directora programación Koldo Mitxelena, Donosti). Xunto a estes, son membros da asociación un total de 24 directores e ex directores de museos e centros de arte de todo o territorio español.

Premio "Os Bos e Xenerosos" oitava edición: homenaxe a Francisco Fernández del Riego

18 de febreiro de 2011-

O vindeiro sábado 19 de febreiro ás 12 horas terá lugar na Casa Galega da Cultura (CGC) a oitava edición do premio “Os Bos e Xenerosos”, que este ano recoñece a contribución á difusión pública da cultura galega de Francisco Fernández del Riego.

O acto, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración da Editorial Galaxia, o Concello de Vigo-Casa Galega da Cultura e a Fundación Penzol, contará coas intervencións de Francisco Domínguez (director da Fundación Penzol), Cesáreo Sánchez (presidente da AELG), Mercedes Queixas Zas (secretaria xeral da AELG), e o escritor Víctor F. Freixanes.

Estrea do documental “Novo Vigo Vello”

17 de febreiro de 2011-
O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, anunciou que
mañá venres, 18 de febreiro, o Centro Social de Novacaixagalicia acollerá a estrea do documental "Novo Vigo Vello: Vida e xente na reconquista do Casco Vello de Vigo", coa presenza Luis Tosar. Domínguez indicou que tamén haberá outro pase o domingo ás 12 para que todas as persoas interesadas teñan a opción de ver este documental financiado a través do Plan de Competitividade Turística. O filme xa está a ser distribuído nas canles de televisión, e a partir do segundo semestre deste ano entrará no circuíto de festivais estatais e internacionais.

Inauguración da exposición “O obxecto poético e a edición. Dúas achegas dende o surrealismo” no Verbum

15 de febreiro de 2011-
O vindeiro xoves 17 de febreiro ás 20 horas terá lugar no Verbum – Casa das Palabras a
inauguración da exposición temporal “O obxecto poético e a edición. Dúas achegas dende o surrealismo”, que se poderá visitar ata o día 1 de maio en horario de martes a domingo de 10 a 19 horas.

O acto contará coa presenza da comisaria da mostra, Monse Cea, representantes da Fundación Eugenio Granell e o director do museo Verbum, Rosendo Gonzalo Covelo Roma.

Presentación do grupo creativo audiovisual realizador da curtametraxe “Camiño da memoria”

16 de febreiro de 2011-
O vindeiro xoves día 17 de febreiro ás 19 horas na Casa Galega da Cultura darase a coñecer publicamente ao grupo creativo audiovisual formado polos realizadores/as da curtametraxe “Camiño da memoria”, filme que retorna a Vigo tras gañar o Amal Express no pasado mes de outubro, e de obter Mención Honorífica pola Sociedade galega de xerontoloxía e xeriatría no X Congreso Semer.

Á presentación acudirán os membros do grupo creativo, formado por mozos e mozas que coincidiron estudando Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, e que decidiron apostar polas súas motivacións creativas e botar andar un proxecto que tivo a curtametraxe como proposta inicial e que en breve dará a coñecer outras producións como unha longametraxe documental sobre a pervivencia da poeta Rosalía
de Castro.

Presentación da exposición “Materialización” na Fundación Laxeiro

9 de febreiro de 2011-
O vindeiro xoves, 10 de febreiro ás 11:30, terá lugar na Fundación Laxeiro a presentación da exposición Materialización. Trátase dun proxecto realizado en colaboración coa Universidade de Vigo e a Universidade do País Vasco, no que participan os artistas Mónica Ortúzar, Elena Mendizábal, Ana Gesto Sol Alonso, Ignacio Barcia, Pablo Huertas, e Pello Mitxelena.

Na presentación da exposición, unha reflexión sobre o proceso de materialización da obra de arte desde que é concibida polo artista ata que se fai realidade e é amosada de forma pública, intervirán Xesús López Carreira, Presidente Delegado da Fundación Laxeiro, Antonia Blanco Pesqueira, Vicerreitora do Campus de Pontevedra, Carlos García Suárez Otero, Director Xeral da Fundación Laxeiro, e Javier Pérez Buján, Director artístico da
Fundación.

Páxinas

Subscribe to Noticias