Noticias

Presentación do libro “Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro”

13 de abril de 2011-
O vindeiro luns, 18 de abril terá lugar na Casa Galega da Cultura a presentación do libro “Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro”, organizada pola Fundación Laxeiro.

A publicación supón un auténtico descubrimento da faceta literaria de Laxeiro. Un traballo que recolle un total de 116 textos, dos que 83 son inéditos e 33 foron recompilados de diferentes publicacións.

O traballo forma parte do proxecto de investigación que constou da exposición titulada Laxeiro, escritos, pensamentos, recordos e relatos, programada na Fundación Laxeiro do 5 de
novembro de 2010 ao 30 de xaneiro de 2011 e agora remata coa presentación do libro.

O proxecto está financiado pola Deputación de Pontevedra e no acto de presentación participarán Eudosio Álvarez, Concelleiro de Patrimonio, José Manuel Figueroa Vila, Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Marcela Santorum, colaboradora do Faro da Cultura, Carlos García – Suárez Otero, director xeral da Fundación Laxeiro e neto do artista, e Javier Pérez Buján, editor da publicación e director artístico da Fundación Laxeiro.

A exposición “O noso traxe peza a peza” amplíase ata o 17 de abril

4 de abril de 2011 -
A exposición “O noso traxe peza a peza”, promovida pola Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello con motivo da Reconquista, e que se está a mostrar na Casa Galega da Cultura, amplíase ata o vindeiro 17 de abril.

O MARCO participa nunha actividade de bookcrossing

15 de abril de 2011-
O vindeiro venres 15 de abril, en conmemoración do Día Internacional do Libro que se celebra o 23 de abril, un total de 31 museos e centros de arte contemporánea de España compartirán unha experiencia de bookcrossing ou campaña de liberación de libros, na que “inundarán” as cidades con libros de arte procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas. 
Os participantes prevén poñer en circulación máis de 2.000 “libros libres” coa intención de que os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo. No caso do MARCO, liberaranse un total de 65 catálogos en distintos puntos da cidade de Vigo, nunha iniciativa promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do museo.

Inauguración da exposición “Hotel MARCO. Un proxecto de Michael Lin & rvr Arquitectos”

5 de abril -
O vindeiro 8 de abril de 2011 ás 20:00 horas terá lugar no Museo de Arte
Contemporánea de Vigo (MARCO) a inauguración da exposición “Hotel MARCO. Un proxecto de Michael Lin & rvr Arquitectos”. O proxecto, que supón a renovación do Espazo Anexo do MARCO, transformará o lugar nun cuarto de hotel con distintos usos e desenvolverase ata o 31 de outubro de 2013.

O mesmo evento servirá tamén para inaugurar a exposición de Wilfredo Prieto “Entrar na obra II”, que se mostrará no MARCO ata o vindeiro 5 de xuño.

Presentación do “Dicionario de surrealismo e surrealistas” no Verbum

29 de marzo de 2011-
O
martes 29 de marzo ás 19:30 horas terá lugar no Verbum a presentación do “Dicionario de surrealismo e surrealistas”, acto organizado polo propio museo xunto coa Fundación Eugenio Granell e Edicións A Nosa Terra.

O autor do libro, Xesús González Gómez, será quen realice a presentación desta obra que supón unha contribución decisiva sobre o surrealismo desde o punto de vista editorial. A importancia da súa publicación en Galicia vén dada pola presenza no tecido cultural da Fundación Eugenio Granell, institución dedicada á figura que máis nidiamente emparenta Galicia co surrealismo.

Cancelado o concerto de Eladio y Los Seres Queridos no Auditorio Municipal

10 de marzo de 2011-
Cancélase o concerto de Eladio y Los Seres Queridos que estaba previsto para o vindeiro 26 de marzo no Auditorio Municipal.

Aberta Convocatoria IV Premio MARCO/FRAC Lorraine para Novos Comisarios

O departamento de Comunicación do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, infórmalles da convocatoria da cuarta edición do premio para novos comisarios, destinado a candidatos nados a partir de 1971. Por segunda vez consecutiva, o premio é convocado conxuntamente polo MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine (Fonds régional d´art contemporain de Lorraine) de Metz, Francia.

Con esta convocatoria, MARCO e FRAC Lorraine apostan pola formación de novos profesionais no ámbito do comisariado e xestión de exposicións. O premio ofrece aos participantes a oportunidade de propor un proxecto centrado nun tema de reflexión orixinal e persoal, así como a súa realización nos espazos do MARCO (1º andar) e do FRAC Lorraine.
Máis información no 34 986 11 39 08 /11 39 03 / 11 39 00, en www.marcovigo.com ou www.fraclorraine.org.

Inauguración da Biblioteca “Xosé Neira Vilas”

24 de marzo de 2011-
O xoves 24 de marzo ás 18:00 horas terá lugar a inauguración da nova Biblioteca “Xosé Neira Vilas”, á que asistirán o propio Xosé Neira Vilas, o Tenente de Alcalde Santiago Domínguez Olveira, o Concelleiro delegado da Área de Cultura Xesus López Carreira, o Director Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos D. Francisco López Rodríguez e outros representantes institucionais.
A Biblioteca “Xosé Neira Vilas”, situada no número 21 da avenida Martínez Garrido, foi promovida pola concellería de Cultura e Animación Sociocultural, e nace co obxectivo de satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, lúdicas, informativas e formativas da poboación que vive na zona do Calvario-Lavadores.
>Durante a inauguración farase unha entrega simbólica de carnés da biblioteca a Xosé Neira Vilas e representantes institucionais, e o actor e director Cándido Pazó representará un fragmento do seu espectáculo “Memoria das Memorias dun Neno Labrego”.

Inauguración da escultura “Fiestra á liberdade. O agromar da memoria”

16 de marzo de 2011-
O vindeiro sábado 19 de marzo ás 12 horas terá lugar na praza situada fronte ao mercado do Calvario a inauguración da escultura “Fiestra á liberdade. O agromar da memoria”, do escultor Francisco Pazos Martínez. O acto está organizado pola Tenencia de Alcaldía do Concello de Vigo e a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, coa colaboración da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.

No acto intervirá o concelleiro-delegado da área de Cultura e Animación Sociocultural Xesus López Carreira, Francisco Pazos Martínez (escultor), un representante da Asociación pola Memoria Histórica do 36 e como remate o tenente de alcalde Santiago Domínguez Olveira.

A continuación haberá un concerto inaugural a cargo da Banda de Música Unión Musical de
Valadares, formada por 70 músicos e dirixida por José Iglesias Ramilo.

O luns 28 de xuño comeza o prazo de inscrición para as visitas guiadas á exposición "Patas. Pegadas da evolución"

As visitas poderán realizarse de luns a sábados nos seguintes horarios:
-Mañá: 11,30 h / 12,30 h / 13,15 h
-Tarde: 18,00 h / 19,00 h / 20,00 h

As visitas terán unha duración de 40-45 min. e os grupos un máximo de 25 persoas.

As inscricións poderán realizarse a través do Servizo de Atención Cidadá 010.

Horario de servizo 010: Luns a venres de 8 a 20 horas. Sábados de 10 a 14 horas.

Forma de contacto: Desde Vigo marcando 010. Fóra de Vigo e desde móbiles 986 810260. Fax 986-810263. Correo electrónico: 010@vigo.org.

Páxinas

Subscribe to Noticias