Noticias

Premiados nas Xornadas de Danza Tradicional <br/><br/>

29 de novembro.- O pasado domingo 27 de novembro entregáronse os premios das Xornadas de Danza Tradicional que se celebraron en outubro e novembro no Centro Cultural de Valadares:

1º premio: Traspés (Vigo)

2º premio: Colexiata de Sar (Santiago de Compostela)

3º premio: Trébede ( Marín)

4º premio: Xirandola (Bandeira)

5º premio: Andarela (Vigo)


premio: Os Xeitosos de Trazo (A Coruña)

7º premio: A Buxaina de Coruxo (Vigo)

Premio ó mellor acompañamento: Traspés (Vigo)

Premio ó mellor vestiario: Colexiata de Sar (Santiago de Compostela)

Premio á mellor coreografía arranxada: Andarela (Vigo)

Premiados XVI Maratón fotográfica “Concello de Vigo”

10 de novembro.-
Os gañadores da presente edición da maratón fotográfica celebrada na ciudad olívica son:

1º premio: Victor Castro Pérez

premio: Sabela Fraga Costa
3º premio: Jose Enrique Simón Estévez

Accesits:
Julia Fuentes Bea
Pablo Senra Pérez
Laura Pérez Morán
Jose A. Martínez Campos

A mostra ao completo poderá visitarse na Casa das Artes de Vigo ata o vindeiro día 30 de novembro no seguiente horario: L-V: 18:00 a 21:30 h / S: 11:00 a 14:00 - 18:00 a 21:30 h / D-F: 11:00 a 14:00 h

Concerto de Pablo de Naverán e Alexander Kandelaki na homenaxe do bicentenario Franz Liszt (1811-1886)

21 de novembro.-
Os músicos Pablo de Naverán (cello) e Alexander Kandelaki (piano) renderán homenaxe á figura de Franz Liszt no cumprimento do bicentenario do seu nacemento. O concerto, que terá lugar no Auditorio Municipal, enmárcase nun ciclo organizado pola Obra Social de Caja España-Caja Duero, en colaboración coa Concellería de Cultura e Festas de Vigo, e que se compón dun total de trece concertos por toda España.

O programa, ademais de abordar a obra do homenaxeado, ofrece outras obras compostas polos seus contemporáneos, polos seus discípulos até chegar aos nosos días con pezas adicadas á súa memoria.

A cita será o vindeiro mércores 30 de
novembro a partir das 20.30 horas. Aínda que o acceso será gratuíto, para poder gozar do concerto haberá que recoller as invitacións no despacho de billetes a partir das 19:30 horas e até as 19:50 h (máximo de invitacións por persoa: 6).

Inauguración da exposición da XVI Maratón fotográfica “Concello de Vigo” na Casa das Artes

9 de novembro.-
A Casa das Artes de Vigo (
Policarpo Sanz 15) acolle mañá xoves 10 de novembro a inauguración da exposición da XVI Maratón fotográfica “Concello de Vigo”. No acto inaugural, que terá lugar no primeiro andar a partir das 20.30 horas da tarde, anunciaranse os premiados desta nova edición da maratón artística sobre a ciudade olívica.

A mostra ao completo poderá visitarse ata o vindeiro día 30 de novembro no seguiente horario: L-V: 18:00 a 21:30 h / S: 11:00 a 14:00 - 18:00 a 21:30 h / D-F: 11:00 a 14:00 h

Nota informativa sobre o funcionamento do despacho de billetes e dos accesos aos espectáculos no Auditorio do Concello de Vigo

10 de novembro.-
Co obxectivo de mellorar o acceso aos espectáculos programados pola Concellería de Cultura e Festas no auditorio do Concello de Vigo, e de cara a non perxudicar ao público asistente aos mesmos, infórmase do seguinte:

1. O despacho de billetes do auditorio pechará con estrita puntualidade á hora prevista de comezo do espectáculo, momento no que ademais se pecharán as portas de acceso do recinto.

2. As entradas non vendidas anticipadamente, de as houber, estarán dispoñibles no despacho de billetes dende unha hora antes do comezo previsto para o espectáculo.

3. As portas de acceso abriranse 15 minutos antes da hora prevista do comezo do espectáculo

4. As entradas mercadas no despacho de billetes serán asignadas pola organización, en caso de querer seleccionar unha localización concreta deberán utilizar o sistema de venda anticipada (www.laboleteria.es). Todas as butacas ofertadas contan con boa visibilidade.

5. A organización fai constar nos programas editados para a difusión de cada programación as idades recomendadas para determinados espectáculos, que pregamos respecten na medida do posible de cara a garantir un bo desenvolvemento dos mesmos.

Concellería de Cultura e Festas

A mostra Vilagrafías amplía a súa exposición ata o 30 de outubro


8 de setembro-

Debido á boa aceptación da exposición Vilagrafías por parte dos usuarios do Verbum, prorrógase dita exposición ata o vindeiro domingo día 30 de outubro no canto do 11 de setembro como estaba ata o de agora.

A mostra parte das palabras dos escritores e escritoras que naceron, viven ou senten as vilas, e dende a experiencia cultural e vital, as fotografías son coma un mergullo nos lugares. Neles a imaxe e a sombra chegan a fundirse coa cidade, para facer un exercicio de reflexión sobre os espazos de dentrofóra, díanoite, observadoractor, tentando
recrear o labirinto da cidade, onde fotografía e poesía, nun camińo que transcorre en vías paralelas, buscan a súa propia expresión, a expresión da procura do noso imaxinario.

Recordamos que os horarios de apertura ao público son de 10 a 14 e de 17 a 21 horas (ata o 15 de setembro) e de 10 a 19 horas ininterrumpido (a partir do 16 de setembro).

A entrada é gratuíta para todos os asistentes.

Cancelación da obra de teatro “Os Clocló” do ciclo Vigo a escena

17 de outubro.-

Debido a enfermidade por parte do elenco da compañía Lambríaca Producións cancélase a función do seu espectáculo "Os Clocló" previsto para este sábado 22 de outubro, ás 20 horas, na AVV Agarimo San Xoán Poulo.

Aberto o prazo de inscrición nas XII Xornadas de Danza e Música Tradicionais Galegas


07 outubro-



A Concellería de Festas do Concello de Vigo organiza, en colaboración coa
Asociación Cultural Interfolc, as XII Xornadas de Danza e Música Tradicionais Galegas, que terán lugar os días 30 de outubro e 19 e 27 de novembro de 2011 no Centro
cultural de Valadares.


1. Nestas xornadas poderán inscribirse todas aquelas agrupacións de danza e
música galegas que o desexen e pertenzan a unha entidade legalmente
constituída, sen ánimo de lucro. O grupo terá obrigatoriamente un mínimo de cinco parellas mixtas no escenario, e os seus compoñentes deberán ser maiores de 15 anos. Neste sentido o xurado poderá requirir a presentación dalgún documento de identificación de calquera das persoas participantes.

2. A solicitude de inscrición realizarase en impreso normalizado no Rexistro Xeral do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n – 36202 VIGO) ou ao fax 986 22 16 66, ata as 13:30 horas do día 15 de outubro de 2011. O impreso de solicitude poderase conseguir na oficina de Información do Concello de Vigo ou a través da páxina web www.vigo.org.

3. O comité organizador das xornadas terá por compoñentes tres membros da
Asociación Cultural Interfolc e un técnico do servizo de Festas do Concello de
Vigo.
Este ComitéŽ seleccionará entre todas as solicitudes recibidas un total de
12 agrupacións. Teranse en conta os seguintes criterios: calidade do grupo,
experiencia nacional e internacional, participación noutros certames ou festivais, premios obtidos, número de compoñentes.

4. As agrupacións participantes comporanse necesariamente de corpo de baile e grupo de acompañamento, e vestirán todos eles o traxe tradicional. Ningún bailarín ou grupo de acompañamento poderá tomar parte nas xornadas con máis dunha agrupación; isto sería motivo de descualificación para as agrupacións implicadas.

5. Cada agrupación seleccionada bailará en dúas intervencións diferenciadas,
cunha duración mínima de 3 minutos e máxima de 5 minutos cada unha delas (o cómputo do tempo de cada peza iniciará cando soe algún instrumento ou voz de canto) e que deberán indicar no impreso de solicitude de inscrición, xunto co seu historial completo e detallado; non poderán ser cambiadas sen consentimento do comité
organizador. As agrupacións que se clasifiquen para
a fase final deberán cambiar unha das pezas obrigatoriamente.

6. A orde de actuación das 12 agrupacións seleccionadas decidirase mediante
sorteo público (ao que poderá asistir un representante por cada grupo) que se
realizará na Casa do Concello o día 18 de outubro de 2011 ás 12:00 horas.

7. O xurado das xornadas será designado polo comité organizador e estará
presidido pola concelleira de Festas do Concello de Vigo ou persoa en quen
delegue. Como vogais actuarán catro persoas de recoñecido prestixio,
relacionadas co mundo da danza e da música tradicionais galegos. Como
secretario/a actuará un/unha empregado/a municipal designado/a polo comitéŽ
organizador, con voz e sen voto.

8. O xurado valora de 0 a 10 puntos a cada agrupación e terá como base
fundamental os seguintes criterios: calidade artística dos bailaríns, grao de
dificultade e autenticidade das danzas interpretadas e do vestiario
utilizado, valor interpretativo do grupo de acompañamento. Será motivo de descualificación non axustarse ós prazos de tempo establecidos para cada danza na base número 6.

9. O veredicto do xurado farase público ao remate da segunda quenda de
actuacións, e pasarán á fase final as seis agrupacións que obteñan maior
puntuación, que volverán actuar con dúas danzas o día da final seguindo
rigorosamente a orde inicial. En caso de empate resolverá o voto de calidade do presidente do xurado.

10. Os premios establecidos polo comité organizador serán os seguintes:
1º premio: 2.000 euros, medalla e diploma.
2º premio: 1.000 euros, medalla e diploma.
3º premio: 500 euros, medalla e diploma.
4º, 5º e 6º clasificados: accésit de 200 euros.
Premio especial ao mellor grupo de acompañamento: 300 euros.
Premio especial ao mellor vestiario de grupo: 500 euros.
Premio especial e mellor actuación de danza tradicional con coreografía
arranxada: 1.000 euros.

>
O xurado non poderá deixar deserto ningún dos devanditos premios.

Estes premios estarán suxeitos á normativa fiscal que sexa de aplicación. O
comité organizador aboaraos, mediante transferencia bancaria, nos 15 días
hábiles seguintes ao final das xornadas, así como os gastos de desprazamento. Co obxecto de realizar estes pagamentos, as agrupacións deberán achegar obrigatoriamente á solicitude de inscrición unha fotocopia compulsada do CIF e unha certificación bancaria.

11. O veredicto final do xurado farase público tras a actuación das seis
agrupacións finalistas e da correspondente deliberación. A continuación
entregaranse os premios.

12. O comité organizador aboaralle a cada agrupación participante de fóra do
termo municipal de Vigo a cantidade de 300 euros en concepto de gastos de
dietas e desprazamento e 150 euros no caso das agrupacións da cidade. Así mesmo, aboaráselles estas mesmas cantidades aos seis finalistas pola segunda asistencia ao acto
final. Os devanditos gastos deberán acreditarse cos
correspondentes xustificantes.

13. A organización das xornadas declina calquera responsabilidade sobre os
posibeis accidentes ou danos que os participantes poidan sufrir durante a súa
participación.

14. A mera solicitude de inscrición nas xornadas supón a aceptación plena das
presentes bases. Así mesmo, os veredictos do xurado serán inapelábeis.

15. O comité organizador e o xurado quedan facultados para resolver as posíbeis controversias ou dúbidas que poidan xurdir na interpretación das presentes bases, así como para tomar iniciativas que contribúan ao bo desenvolvemento das xornadas.

16. Os espectáculos incluídos nas xornadas serán destinados ao público en xeral. O acceso ao recinto das actuacións será publico e gratuíto, limitándose o número de asistentes ao aforo do dito recinto.

Aberto o prazo de inscrición nas XX Jornadas de Filosofía “El universo: física y filosofía”

23 setembro-

A Concellería de Cultura e Festas organiza, coa colaboración do Grupo Aletheia, as XX Xornadas de Filosofía "O universo: física e filosofía" que terán lugar no Auditorio
municipal do 4 ao 6 de outubro.


Nas xornadas participarán poñentes da talla de Ramón Lapiedra, doutor en Física Teórica pola Universidade de Barcelona; Jesús Mosterín, catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia da Universidade de Barcelona; Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela; Manuel Sánchez Ron, doutor en Física e Astronomía polo University College London; Álvaro de Rújula, doutor en Física Teórica pola Universidade Complutense de Madrid; e Ana Ulla, profesora titular da Universidade de Vigo.

As Xornadas de Filosofía son abertas ao público en xeral, se ben son de interese para profesorado universitario e de ensino secundario.

A inscrición é gratuíta e pode realizarse previamente, ata o 3 de outubro, enviando os datos persoais, por correo electrónico (xornadasaletheia@yahoo.es) ou mediante fax ao número 986-292816. Facilitaranse os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono. Tamén
se poderá realizar a inscrición no momento mesmo da apertura das xornadas (se houbese prazas dispoñibles). A confirmación da inscrición realizarase por correo electrónico.

O Museo MARCO de Vigo amplía a exposición “Martin Creed. Obras” ata o 2 de outubro

22 setembro-


“Martin Creed. Obras”, cuxa clausura estaba prevista para o 25 de setembro, prorrógase unha semana, ata o domingo 2 de outubro.

O proxecto do artista británico Martin Creed (Wakefield, Reino Unido, 1968), comisariado por Carolina Grau, enmárcase no formato de novas producións realizadas especificamente para o MARCO, e supuxo a súa
primeira exposición individual en España. Gañador do Turner Prize en 2001, Creed combina a súa faceta de artista co seu grupo de música, formado en 1994.

Toda a planta baixa do MARCO está ocupada por unha soa obra, que inunda e á vez baleira o espazo expositivo. Work No. 247 “Half the air in a given space” [A metade do aire nun espazo dado], 2000, consiste en materializar a metade do aire contido nun espazo por medio de globos, modificando por completo a percepción do contorno. Creada por primeira vez en 1998, esta peza adquire nas salas do MARCO unha magnitude completamente descoñecida ata agora, pola súa monumentalidade e polas dimensións das salas. A exposición complétase cun conxunto de obras relacionadas coa música e o son, nunha das salas do primeiro andar.

Páxinas

Subscribe to Noticias