Benvido ao novo lugar da Cultura de Vigo. Nesta nova páxina poderás atopar a información máis completa sobre todas as actividades de ámbito cultural, promovidas pola Concellería de Cultura, Festas e Política de Benestar do Concello de Vigo.
Artes escénicas, exposicións, festas e tradicións, cine, máis... A oferta máis ampla para todos e todas. Unha páxina que nace coa vocación de informar e, coas túas suxestións, crecer continuamente e converterse nun espazo de referencia na nosa cidade. Porque a cultura é parte da nosa educación.
Esperamos que a goces.
Hoxe mércores 16 de maio, o Alcalde fixo públicas as obras seleccionadas para participar no Festival Primavera do Cine, que terá lugar entre o 30 de maio e o 2 de xuño en Vigo. Ana Laura Pereira, coordinadora do festival e membro de Reencanto Producións, fixo fincapé na boa acollida que este festival está a ter no sector audiovisual galego, porque “un festival destas características era necesario. Moitas producións estaban encaixonadas sen espazo nas salas comerciais e con escasa cota de pantalla nas televisións”.
As máis de 130 obras presentadas a este festival dan boa conta da receptividade entre os creadores audiovisuais galegos. Segundo Ana Laura Pereira, “o proceso de selección foi árduo e doloroso para o equipo do Festival, dada a gran cantidade de obras presentadas e, sobre todo, a calidade das mesmas, quedando fóra de concurso moitas obras de gran mérito, moi ao noso pesar”.
En referencia ao proceso de selección, Ana Laura destacou o traballo e a profesionalidade do equipo do Festival “traballouse cun baremo no que se puntuaron tanto a calidade técnica das obras coma os contidos, a orixinalidade expresiva e o respecto aos valores”.
Alfonso Castaño, membro do comité de programación presentou a lista de obras seleccionadas nas diferentes categorías. Participarán 7 longametraxes tanto ficcións coma documentais que se proxectarán no Auditorio Municipal do Concello. Así mesmo, foron seleccionadas 15 curtametraxes que se proxectarán no Auditorio do MARCO o primeiro día, e que se poderán ver tamén no Auditorio do Concello. Tamén foron seleccionados 19 videoclips que se proxectarán no local “La Fiesta de los Maniquies “(rúa Rogelio Abalde, 11) en horario nocturno.
O Festival dará comezo cunha gala inaugural no Auditorio Municipal do Concello o mércores día 30 de maio, intre no que poderemos desfrutar desta bacanal de bó cine galego. Cada un dos días de proxeccións terá lugar unha festa no céntrico local “La Fiesta de los Maniquíes” para pechar a xornada.
O sábado 2 de xuño terá lugar a gala de entrega de premios en cada unha das categorías precedida dunha proxección sorpresa. Nesta edición o xurado que premiará as películas será popular “os espectadores poderán achegar o seu veredicto sobre as películas cun método de votación por entrada, converténdose deste xeito en protagonistas da celebración” comentou a coordinadora do Festival.
Como colofón, o Festival Primavera do Cine ten preparado unha festa concerto con artistas convidados para a noite do sábado na sala Mondo (rúa Joaquín Lóriga, 3)
Paralelamente, e dentro do marco do Festival Primavera do Cine realizaranse dúas actividades complementarias, as V Xornadas do Audiovisual Galego organizadas polo IES Audiovisual de Bouzas, e a Mostra de Cine Xuvenil organizada pola Asociación Xuvenil Musiquina 33mg.
David Esperón, coordinador da Mostra de Cine Xuvenil presentou as 8 producións realizadas por alumnos de diferentes IES de toda Galicia que se proxectarán o 25 de maio no Auditorio do Centro Cívico de Teis. David salientou a importancia de “promover o gran traballo que alumnos e profesores están levando a cabo en multitude de obradoiros de audiovisual”. A Mostra, que se realizará en horario de mañán, estará dinamizada polo artista de hip hop “Pániko en las Calles”, e contará coa presenza de Ana Laura Pereira impartindo un pequeno curso sobre a linguaxe audiovisual como instrumento transformador da realidade.
O vindeiro venres 18 de maio celebrarase o Día Internacional dos Museos, que chega á súa 35º edición, baixo o lema "Museos nun mundo cambiante. Novos retos, novas inspiracións".
O Pazo-Museo "Quiñones de León" concentrará as súas actividades no propio venres, con visitas guiadas baixo o título "Vouche contar unha historia", ás 10.00 h, 11.00 h e 12,00 h. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforamento (60 persoas grupo), e poderán facer reserva previa (ver ficha). Xa ás 23,00 h, terá lugar un concerto no xardín principal do Pazo (salvo inclemencias metereolóxicas; nese caso realizaríase no interior) a cargo do grupo de música folk RIOBÓ.
Pola súa banda, a Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego" terá unha divertida actividade, "Misterio na Pinacoteca", dirixida a público familiar, con entrada libre e gratuíta; será o sábado 19 e domingo 20, ás 12,00 h e 13,00 h.
Por último, o MARCO tamén terá programación especial polo DIM 2012 que se achega a continuación.
Co obxecto de facilitar o estudo e o uso das instalacións públicas, e debido ao aumento da demanda das mesmas pola proximidade das probas de acceso á Universidade, exames da UNED e da propia Universidade, a Biblioteca Pública Central ampliará o horario de apertura da súa Sala de Lectura, según o seguinte:
Periodo de ampliación: 21 de maio ao 7 de xuño, ambos inclusive
Horarios:
Luns a venres: de 9,00 a 22,00 horas
Sábados: de 10,00h a 14,00h e de 17,00 a 22,00h
Domingos: 10,00h a 14,00h
Este sábado 5 de maio, ás 20,30h, proxectarase no auditorio municipal do Concello o documental "M.L. Estefanía. Galicia máis Oeste que nunca", dirixido por José Ballesta de Diego. Mediante testemuños e material de arquivo abórdase a figura de D. Marcial Lafuente Estefanía, popular autor de novelas do Oeste, que comezou a súa carreira en Vigo nos anos 40, da man da editorial Cíes, a primeira galega de posguerra.
Entre os participantes destaca FEDERICO LAFUENTE, fillo de Marcial, quen estará presente na proxección, e que segue escribindo as noveliñas do pai, con fondos lazos con Vigo ao transcorrer aquí a súa infancia e adolescencia. Con el entrevístase a escritores como FERNANDO SAVATER, X.L.MÉNDEZ FERRÍN, FRANCISCO G. LEDESMA, EDUARDO MENDICUTTI ou DOMINGO VILLAR; especialistas como CARLOS ABRAHAM, FERNANDO EGUIDAZU e PEDRO PUIALTO; ou a popular autora de novela rosa CORÍN TELLADO, falecida en 2009, e que concedeu a súa última entrevista para este documental.
Finalmente, a xeito de noveliña, o documental inclúe o considerado primeiro western galego ou grelos-western. Estreado no Festival de Cans, en maio de 2010, esta curtametraxe espertou o interese dos medios de comunicación e colleitou grande éxito de público e crítica; resultando seleccionada para competición, entre máis de 700 producións de todo o mundo, no Festival Internacional de Cine de Ourense na súa derradeira edición.
O acceso á proxección realizarase mediante invitación a retirar nas taquillas do auditorio dende as 18,30h.
A Concellería de Cultura e Festas organiza, en colaboración co Conservatorio Superior de Música de Vigo (CMUS), a Semana de Música de Cámara, que terá lugar entre o 7 e o 11 de maio. Os concertos correrán a cargo de alumnado do CMUS, ás 19,00 horas, no auditorio municipal do Concello (8 e 9) e no auditorio "Martín Codax" do CMUS (7 e 11), con entrada libre até completar aforamento.
O venres día 4 de maio, ás 20,00 horas, terá lugar na Casa das Artes a inauguración da exposición "Artesolidaria.es", organizada pola Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra" (AVEMPO), en colaboración coa Concellería de Cultura e Festas, en apoio ás persoas enfermas de esclerose múltiple.
Na exposción participarán un centenar de artistas e todos os beneficios serán a prol de AVEMPO.
A Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, entidade referente na cidade en temas culturais, e especialmente no folclore, celebra o Día Internacional da Danza, en colaboración coa Concellería de Cultura e Festas do Concello de Vigo, realizando un total de 15 actuacións de danza tradicional galega en 5 lugares da cidade.
Ás 12:00 horas, e simultaneamente, os grupos de folclore da Agrupación realizarán unha actuación na que o público asistente poderá gozar das pezas típicas da danza galega: muiñeiras, xotas, ribeiranas...
A Concellería de Cultura e Festas, dentro da súa política de apoio ás iniciativas do audiovisual galego, colabora coas agrupacións culturais galegas Musiquina 33mg e O Reencanto producións na 1ª edición do Festival Primavera do Cine en Vigo, no que os creadores poderán exhibir as súas obras e optar aos galardóns segundo a súa categoría en competencia.
O festival desenvolverase entre o 30 de maio e o 2 de xuño e poderán participar todas as galegas e galegos cineastas e creadores audiovisuais que envíen as súas obras ao noso apartado de correos, e por suposto sexan seleccionadas para a competencia. Tamén optarán a concurso as obras de estranxeiros feitas na nosa terra. Para isto, deberán cubrir as bases e enviar a ficha de inscrición e requirimentos antes do 25 de abril deste ano ao noso apartado de correos.
As proxeccións terán lugar no auditorio municipal do concello (longametraxes en competencia) e no salón de actos do MARCO (curtametraxes en competencia)
Máis info: http://festivalprimaveradocine.com/
A Concellería de Cultura e Festas asinou un convenio de colaboración coa Agrupación de Centros Deportivos e Culturais para a organización do programa “Vente con Nos” do presente ano.
Este convenio ten como principal obxectivo a promoción e apoio da labor sociocultural das asociacións culturais e veciñais da cidade, así como as agrupacións de música e danza tradicionais das entidades asociadas á Agrupación, mediante o desenvolvemento dun ciclo de actuacións polos diferentes barrios e parroquias da cidade.
As actuacións con cargo a este convenio irán destinados ó público en xeral, con acceso libre e gratuíto, ata completar o aforo do lugar onde se celebren. As actuacións distribuiranse atendendo aos criterios de dispoñibilidade da agrupación artística, a orde de entrada da solicitude no Rexistro Xeral do Concello e a maior diversificación nos ámbitos territoriais e artísticos. Con carácter xeral quedan excluídas do convenio aquelas actuacións vinculadas á programación de actos de carácter non laico, festas e romarías patronais, así como aquelas actuacións programadas dentro do mesmo ámbito territorial parroquial asociado a agrupación artística e entidade que a acolle.
A tal fin, infórmase da apertura do prazo de admisión de solicitudes ata ás 13.00 horas do día 27 de abril do presente ano. O formulario de solicitude está a disposición das entidades asociativas interesadas na oficina de Información situada na lonxa do Concello e nas web municipal (www.vigo.org) e www.vigocultura.org.